miércoles, 14 de noviembre de 2018

PSOE e BNG boicotean a execución do centro sociocomunitario de Ordes

  • A Deputación da Coruña, presidida polo PSOE, nega unha subvención nominativa para o equipamento do futuro centro, mentres que o BNG xa anunciou o seu rexeitamento a este proxecto.
  • As obras de construción do centro sociocomunitario Isabel Zendal comezarán en breve cunha achega de 360.000 euros da Xunta de Galicia. 
  • O novo equipamento construirase nas inmediacións do campo da feira e dará resposta ás necesidades de Ordes nesta materia. 




Ordes, 14 de novembro de 2018.- A negativa da Deputación da Coruña a conceder unha subvención nominativa de 180.000 euros para contribuír a financiar o equipamento do futuro centro sociocomunitario de Ordes, e as reiteradas declaracións dos BNG local, opoñéndose á execución desta infraestrutura, evidencian un boicot do que o PP local xa sospeitaba desde hai meses.

Sae á luz deste xeito un novo intento da dirección provincial do PSOE coruñés, que preside a Deputación, de frear calquera proxecto que poda resultar útil para a veciñanza de Ordes, como sucederá co futuro centro sociocomunitario. E o mesmo acontece co BNG de Ordes, caracterizado por unha errática política de oposición ao Goberno local do PP que, por extensión, prexudica ao conxunto da veciñanza.

Labazada do PSOE e da Deputación á veciñanza de Ordes

As obras do futuro centro sociocomunitario Isabel Zendal comezarán en breve cunha achega de 360.000 euros concecidos pola Xunta de Galicia, é dicir, a metade do orzamento total necesario para executar e equipar este complexo. O Concello de Ordes só solicitaba á Deputación o 25% do presuposto necesario, pero aínda así a institución que dirixe o socialista González Formoso optou por dar unha labazada á veciñanza de Ordes e negar a subvención que permitiría completar o equipamento preciso para poñer en servizo este centro novidoso.

Este centro construirase nas inmediacións do campo da feira de Ordes para dar resposta ás necesidades que, neste ámbito, presenta a poboación do municipio, especialmente o colectivo da terceira idade.


O futuro centro sociocomunitario de Ordes denominarase Isabel Zendal (natural da parroquia ordense de Parada), para honrar á integrante da Expedición Filantrópica que levou a primeira vacina da varíola a América nos primeiros anos do século XIX e está considerada, pola OMS, como a  primeira enfermeira da historia en misión internacional.

lunes, 12 de noviembre de 2018

Preocupación no PP de Ordes polo retraso na licitación da nova rotonda e paso inferior da N-550


  • A obra debería ser licitada antes do 31 de decembro, dado que os orzamentos deste ano consignan unha partida de 500.000 euros para este proxecto 
  • A intervención é imprescindible para prolongar a ronda leste cara a estrada de Carballo, mellorar a seguridade viaria e desconxestionar a vila de tránsito viario 



Ordes, 10 de novembro de 2018.-O Partido Popular amosa a súa preocupación polo retraso que acumula a licitación da obra de execución da nova rotonda e paso inferior na estrada N-550, á saída da vila en dirección Santiago. A actuación conta cunha partida orzamentaria de 500.000 euros nos Presupostos Xerais do Estado para 2018 e con 700.000 euros nos de 2019, ata completar un total de 1,2 millóns de euros.

De non licitarse a obra antes do vindeiro 31 de decembro, Ordes perdería medio millón de euros e o proxecto sumiríase nun retraso difícil de superar. Esta obra resulta fundamental para o Concello de Ordes e para todos os usuarios da estrada N-550, caracterizada por una elevada densidade de tráfico.

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, reuniuse, a comezos deste ano, co anterior director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, que lle asegurou que a tramitación da licitación continuada a bo ritmo e sería posible antes de rematar este exercicio.

Sen embargo, o cambio de Goberno e a ausencia de resposta desde o Ministerio  de Fomento en relación con este proxecto acendeu as alertas no PP local, que sospeita que o Executivo de Pedro Sánchez podería tentar privar a Ordes desa partida de 1,2 millóns de euros.

A execución desta rotonda foi solicitada polo alcalde de Ordes a Mariano Rajoy no transcurso dunha visita do anterior presidente do Goberno a Ordes en agosto de 2015.


Só unha vez executada esta conexión se podería comezar a execución da prolongación da rolda leste (que na actualidade funciona como circunvalación alternativa para o tráfico que circula pola estrada N-550 polo centro da vila) cara a estrada Ordes-Carballo. Unha vez executada a prolongación, o tráfico procedente da autoestrada con dirección a Carballo e viceversa podería evitar o centro do pobo. O mesmo sucedería cos camións que transportan cadáveres de animais con dirección á planta de tratamento da Areosa e que na actualidade atravesan o barrio do Recreo, cos conseguintes riscos sanitarios, ademais de xerar cheiros e conxestión viaria.

jueves, 1 de febrero de 2018

O Partido Popular de Ordes atribúe os últimos movementos da concelleira Martínez a un intento de facerse oco nalgunha lista electoral

Sorprende o achegamento persoal e político de Martínez  ao anterior alcalde, Manuel Regos (UXO), ao que defende, mentres trata de entorpecer a xestión do actual equipo de Goberno 

• Sorprende que agora reclame racionalidade no consumo eléctrico, dado que cando tivo responsabilidades de Goberno pretendeu xestionar sen criterio e bordeando a legalidade


Ordes, 1 de febreiro de 2018.- O Partido Popular de Ordes interpreta as  recentes críticas da concelleira non adscrita Beatriz Martínez en relación coa xestión do alcalde e o seu equipo de Goberno a unha estratexia dirixida a preparar a súa aterraxe nalgunha formación política coa que poder concorrer ás Eleccións Municipais de 2019, na órbita do anterior rexedor, Manuel Regos (UXO).

Sorprende que as propostas e maneiras autoritarias de facer política desta concelleira garden notables semellanzas coas de UXO e sorprende tamén que nas súas comunicacións públicas empregue agora o castelán, feito que ben pode obedecer a unha manobra de despiste ou a un autoodio soterrado que a leva a renegar das súas orixes. 

O acercamento de Beatriz Martínez ao entorno de UXO e do anterior alcalde non só se produce no plano persoal, senón que se estende ao ámbito político, atacando a xestión desenvolvida polo actual alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo e o seu equipo de Goberno, que levan máis de dous anos centrados en sanear as contas do Concello e subsanar moitas das carencias que UXO legou como herdanza, entre estas solucionar certas incidencias coas suministradoras eléctricas en instalacións e equipamentos municipais, e que agora suscitan tanto entusiasmo por parte da concelleira non adscrita. 
Sorprende tamén que Beatriz Martínez se interese agora por introducir criterios de racionalidade no consumo eléctrico do Concello, cando esta é unha prioridade para o equipo de Goberno desde o primeiro momento. Cómpre recordar que ao longo de 2017 se contratou e realizou unha auditoría enerxética de todo o servizo de iluminación pública do Concello, e se manteñen continuas comunicacións con responsables das subministradoras eléctricas para regularizar alumeados públicos ou incidencias como as que se detectaron no contrato do tanatorio do Balado.

Ata tal punto chega a incoherencia, que un dos motivos de fricción que levou a Martínez a pasar ao grupo de non adscritos foi o seu intento de instalar farolas municipais, indiscriminadamente e sen criterio algún, bordeando a legalidade, pretensión que lle foi negada e que provocou o seu enfado.

Sorprende que a concelleira Martínez pretenda outorgarse agora a representatividade dos ordenses, cando a realidade acredita a súa descoñexión coa veciñanza. Recentemente promoveu, con escaso éxito,  unha recollida de sinaturas en contra da aprobación inicial do novo sistema de ORA gratuíta impulsada polo pleno do Concello, tras a petición formulada pola asociación de comerciantes en marzo do ano 2017. Mais da metade das cen sinaturas presentadascorresponden a persoas non empadroadas no concello de Ordes e a familiares directos da propia concelleira. 

Pero a incoherencia non é nova. Nos meses posteriores ao seu paso ao grupo de non adscritos, Martínez coqueteou con outras agrupacións políticas representadas no Concello ao fin debuscar desbancar o goberno local do Partido Popular. A continuación dedicouse a verter falsas acusacións e difamacións contra o labor do Goberno, e en menos de un ano todo semella que está a preparar o terreo para o seu desembarco noutra candidatura.

sábado, 2 de diciembre de 2017

O PP de Ordes celebra un xantar multitudinario no que acredita que “cumprimos” os compromisos electorais

  • O alcalde Martínez Sanjurjo afirma que  ao remate da Lexislatura todos os veciños terán ao seu carón, nas aldeas e na vila, algunha actuación de mellora executada polo Concello 
  • Piden desculpas ás veciñas e veciños que non puideron asistir a este acto por falta de aforo





Ordes, 2 de decembro de 2017.- O Partido Popular de Ordes celebrou este sábado o seu xantar anual no que se acreditou que “cumprimos” as promesas electorais adquiridas na campaña das municipais de 2015 que levou a Martínez Sanjurjo á Alcaldía deste municipio. Entre outros responsables políticos, o acto contou coa participación do presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo.


 

Nunha breve intervención ante os asistentes, Martínez Sanjurjo afirmou que “tal e como me comprometín ante todos vós, cando fun casa por casa pedindo o voto, desde o Goberno do PP de Ordes cumprimos, porque somos persoas de palabra”.



Como exemplos dos compromisos executados ou en fase de materialización, o alcalde de Ordes destacou o arranxo e ampliación da estrada de Cerceda por Mercurín, a aprobación inicial do PXOM, o saneamento das contas públicas, a rebaixa no tipo dos impostos directos, diversas melloras nas instalacións deportivas e educativas, o albergue de peregrinos, a mellora dos equipamentos das parroquias e da vila, a transparencia e permanente disposición para atender as demandas veciñais ou a inminente execución dun cento sociocomunitario no centro do pobo para atender ás persoas maiores e reforzar a asistencia social. 



Tamén avanzou a próxima execución de sendas peonís no Mesón do Vento e en Leira e a vindeira licitación de obras de beirarúas, abastecemento e saneamento en diferentes puntos do Concello.



Cada veciño conta



De aquí ao remate da Lexislatura municipal todos os veciños, nas aldeas, e na vila, terán ao seu carón e se poderán beneficiar de algunha obra impulsada polo Concello para tratar de superar o déficit  acumulado durante os oito anos de UXO. Para nós, cada veciño conta”, afirmou Martínez Sanjurjo.



O acto, celebrado no Restaurante Avelino, no Mesón do Vento, contou con 320 asistentes, malia que poderían ser moitos máis se o aforo o permitise. O PP de Ordes pide desculpas a todas as persoas que non puideron adquirir a entrada e avanza que en vindeiras convocatorias traballará cunha maior previsión de afluencia. 




sábado, 18 de noviembre de 2017

A Xustiza volve recoñecer a competencia do alcalde de Ordes para designar representantes en órganos externos



• O Xulgado do Contencioso Administrativo número  4 da Coruña declara a inadmisibilidade dun recurso co que Manuel Regos (ex alcalde de UXO) pretendía que a designación dos representantes na Mancomunidade de Ordes fose efectuada polo Pleno, en lugar de polo rexedor

• Nova “labazada” xudicial para Regos que, ademais, resulta condenado ao pagamento de costas

• O PP de Ordes considera que todas estas manobras de Regos “evidencian carraxe e mal perder”


Ordes, 18 de novembro de 2017.- Unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 4 da Coruña, notificada esta semana, volve recoñecer a competencia expresa do actual alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, para designar representantes municipais en órganos externos, neste caso da Mancomunidade.

A sentenza declara a inadmisibilidade dunha demanda formulada polo anterior ex alcalde de Ordes, Manuel Regos (UXO), na que reclamaba que fose o Pleno, e non o alcalde, o que designase aos representantes do Concello na Mancomunidade da Comarca de Ordes. A sentenza condena ademais a Manuel Regos ao pagamento de costas (arredor de 700 euros).
Competencia do alcalde, con carácter xeral

A sentenza conclúe que “con carácter xeral, salvo atribución expresa ao Pleno, ou que se trate de órganos colexiados competencia deste, a designación dos representantes municipais corresponde efectuala  ao  alcalde, porque o alcalde ostenta a representación institucional do Concello”.

Esta sentenza constitúe unha nova “labazada”  xudicial a Manuel Regos e a UXO, que xa en setembro foran condenados ao pagamento de costas ao tempo que o xulgado desestimaba outro recurso relacionado coa designación de representantes do Concello nos consellos escolares municipais e na asociación de desenvolvemento comarcal. Tamén daquela a Xustiza recoñecía a Plena competencia de Martínez Sanjurjo para efectuar as designacións.

O Partido Popular de Ordes considera que a sucesión de recursos impulsados por Manuel Regos para entorpecer o labor do novo Goberno local que dirixe Martínez Sanjurjo evidencian “carraxe e mal perder” por parte de quen fora candidato de UXO.

domingo, 17 de septiembre de 2017

O PP celebra que a Xustiza penalice a UXO por tentar boicotear sistematicamente o Goberno local de Ordes

  • UXO levaba dous anos longos poñendo todo tipo de trabas ao Goberno local, pero o paso do tempo vai descubrindo a súa verdadeira faciana
  • Regos, líder de UXO e anterior alcalde, está resentido porque o actual Goberno local do PP está a demostrar que é posible resolver os problemas dos veciños e xestionar con honestidade,  transparencia e respecto á legalidade


Ordes, 15 de setembro de 2017.-  O Partido Popular considera que a  recente sentenza xudicial que acredita que o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, actuou correctamente ao designar os representantes do Concello nos consellos escolares municipais e na asociación de desenvolvemento comarcal, descubre a auténtica faciana de Unión por Ordes (UXO), formación  que presentou o recurso agora desestimado, ao tempo que resulta condenada ao pagamento das costas.

O recurso desestimado por un xulgado coruñés formaba parte da estratexia de entorpecemento sistemático posta en marcha por UXO desde o día seguinte ás pasadas eleccións municipais. Primeiro, retrasaron con todo tipo de recursos a constitución da Corporación, e despois tramaron diferentes medidas para desestabilizar o Goberno local, promovendo o paso de dous concelleiros electos na candidatura do PP a bancada de non adscritos, medidas que culminaron co acordo –auspiciado por UXO- dirixido a incrementar o importe económico percibido polos concelleiros/as da oposición con concepto de dietas por asistencia a diferentes órganos municipais. E, finalmente, impediron a aprobación e entrada en vigor dos Orzamentos municipais ata hai escasas datas.

Honestidade, transparencia e legalidade

O PP de Ordes acusa directamente ao anterior alcalde e líder de UXO, Manuel Regos, de todos os intentos de desestabilización que vén padecendo o actual Goberno local desde a súa constitución. A xuízo do populares ordenses, Regos está resentido porque o actual Executivo do PP está demostrando, malia todas as dificultades, que é posible xestionar os recursos públicos con honestidade, transparencia e respecto á legalidade, e tendo como principal obxectivo atender as necesidades reais dos veciños.

Estrada de Mercurín

Regos enganou aos veciños ano tras ano, mentres que a estrada de Mercurín se deteriorou ata converterse practicamente en intransitable. Pola contra, en poucos meses, o Goberno de Martínez Sanjurjo logrou unha solución e as obras están á piques de rematar, como pode comprobar calquera veciño.

Regos perdeu oito anos boicoteando a elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal; Martínez Sanjurjo asumiu persoalmente esas competencias e confía en dispoñer dun documento aprobado ou a piques de entrar en vigor antes de que remate a actual lexislatura.

Covardía política

Regos comportouse con covardía política mentres foi alcalde, ata o punto de que fuxía da veciñanza que pretendía falar con el; Martínez Sanjurjo implantou os sábados de portas abertas para facilitar o acceso dos/as veciños/as ao Goberno local. E nas próximas semanas comezará unha rolda de reunións en todas as parroquias.


Son tres exemplos, pero poderíanse citar moitos máis que poñen de manifesto o cambio operado na forma de proceder –para mellor- operado no Goberno local de Ordes desde que o PPdeG accedeu á Alcaldía.

viernes, 3 de marzo de 2017

O PP de Ordes respecta a dimisión da concelleira socialista e agarda que a voceira de UXO faga o mesmo logo de mentir no Pleno extraordinario

• Atribúe a dimisión da ex concelleira a que tivo que votar “tapando o nariz” a proposta de UXO encamiñada a facer caixa e encher o peto

• Co anterior Goberno local de UXO, a débedade Ordes chegou a acadar os 10,1 millóns de euros en 2011, como acredita a Conta Xeral dese exercicio


Ordes, 3 de marzo de 2017.- O Partido Popular de Ordes respecta a dimisión presentada pola concelleira socialista, decisión que considera un efecto secundario do pleno extraordinario celebrado este martes, no que a agora ex edilvotou “tapando o nariz” as propostas de UXO encamiñadas a “facer caixa e encher o peto” dos concelleiros da oposición a costa incrementar o número de comisións.

Desde o PP de Ordes, respecto absoluto pola decisión de Verónica Gómez , que demostra conservar a dignidade da que outros se desprenderon para cobrar máis dietas, afirman.

Os populares de Ordes consideran que a “felonía” impulsada por UXO  provocou un descontento xeneralizado entre a veciñanza do Concello, por tratarse dunha pretensión inadmisible para calquera persoa que teña un mínimo de principios. Esta situación tradúcese  tamén nun descontento das bases socialistas polo apoio prestado a UXO e aos tránsfugas pola súa única concelleira en Ordes. E advirten os populares que a credibilidade do novo concelleiro socialista seguirá en entredito no caso de que opte por continuar apoiando propostas e políticas como as votadas o pasado martes.

¿Cando dimite Silvia Marín?

O PP de Ordes continúa agardando a que a portavoz de UXO presente tamén a súa dimisión, logo de se ter comprometido a abandonar a Corporación local no caso de que o alcalde puidese demostrar que o anterior Goberno local de Manuel Regos xerou unha débeda superior a 9 millóns de euros. Aínda que no Pleno extraordinario a portavoz de UXO situou a débeda en só 5 millóns de euros, o Informe da Conta Xeral de 2011 cifra a débeda total (curto e longo prazo) en 10.180.086,29 euros  a 31 de decembro de 2011, como acredita o cadro adxunto, extraído do referido documento.


Dado que semella que Silvia Marín padeceu un episodio de intencionada  desmemoria no Pleno extraordinario, o informe está á súa disposición no Concello.

No Informe da Conta Xeral de 2011, a propia Intervención Municipal concluía advertindo do incumprimento do Plan de saneamento do Concello, dato revelador que UXO tamén semella ter esquecido.


O Goberno do PP resolve os problemas herdados de UXO


O PP local contrapón a xestión chapuceira do anterior equipo de UXO, e mesmos os intentos de obstrución liderados por Silvia Marín e Manuel Regos nas últimas semanas, coa capacidade do actual alcalde popular, Martínez Sanjurjo, por solucionar carencias históricas de Ordes como o estado calamitoso da estrada de Cerceda. Os propietarios dos terreos afectados cobrarán os depósitos previos a principios do vindeiro mes de abril e as obras comezarán de seguido.