sábado, 2 de diciembre de 2017

O PP de Ordes celebra un xantar multitudinario no que acredita que “cumprimos” os compromisos electorais

  • O alcalde Martínez Sanjurjo afirma que  ao remate da Lexislatura todos os veciños terán ao seu carón, nas aldeas e na vila, algunha actuación de mellora executada polo Concello 
  • Piden desculpas ás veciñas e veciños que non puideron asistir a este acto por falta de aforo





Ordes, 2 de decembro de 2017.- O Partido Popular de Ordes celebrou este sábado o seu xantar anual no que se acreditou que “cumprimos” as promesas electorais adquiridas na campaña das municipais de 2015 que levou a Martínez Sanjurjo á Alcaldía deste municipio. Entre outros responsables políticos, o acto contou coa participación do presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo.


 

Nunha breve intervención ante os asistentes, Martínez Sanjurjo afirmou que “tal e como me comprometín ante todos vós, cando fun casa por casa pedindo o voto, desde o Goberno do PP de Ordes cumprimos, porque somos persoas de palabra”.



Como exemplos dos compromisos executados ou en fase de materialización, o alcalde de Ordes destacou o arranxo e ampliación da estrada de Cerceda por Mercurín, a aprobación inicial do PXOM, o saneamento das contas públicas, a rebaixa no tipo dos impostos directos, diversas melloras nas instalacións deportivas e educativas, o albergue de peregrinos, a mellora dos equipamentos das parroquias e da vila, a transparencia e permanente disposición para atender as demandas veciñais ou a inminente execución dun cento sociocomunitario no centro do pobo para atender ás persoas maiores e reforzar a asistencia social. 



Tamén avanzou a próxima execución de sendas peonís no Mesón do Vento e en Leira e a vindeira licitación de obras de beirarúas, abastecemento e saneamento en diferentes puntos do Concello.



Cada veciño conta



De aquí ao remate da Lexislatura municipal todos os veciños, nas aldeas, e na vila, terán ao seu carón e se poderán beneficiar de algunha obra impulsada polo Concello para tratar de superar o déficit  acumulado durante os oito anos de UXO. Para nós, cada veciño conta”, afirmou Martínez Sanjurjo.



O acto, celebrado no Restaurante Avelino, no Mesón do Vento, contou con 320 asistentes, malia que poderían ser moitos máis se o aforo o permitise. O PP de Ordes pide desculpas a todas as persoas que non puideron adquirir a entrada e avanza que en vindeiras convocatorias traballará cunha maior previsión de afluencia.