sábado, 18 de noviembre de 2017

A Xustiza volve recoñecer a competencia do alcalde de Ordes para designar representantes en órganos externos



• O Xulgado do Contencioso Administrativo número  4 da Coruña declara a inadmisibilidade dun recurso co que Manuel Regos (ex alcalde de UXO) pretendía que a designación dos representantes na Mancomunidade de Ordes fose efectuada polo Pleno, en lugar de polo rexedor

• Nova “labazada” xudicial para Regos que, ademais, resulta condenado ao pagamento de costas

• O PP de Ordes considera que todas estas manobras de Regos “evidencian carraxe e mal perder”


Ordes, 18 de novembro de 2017.- Unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 4 da Coruña, notificada esta semana, volve recoñecer a competencia expresa do actual alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, para designar representantes municipais en órganos externos, neste caso da Mancomunidade.

A sentenza declara a inadmisibilidade dunha demanda formulada polo anterior ex alcalde de Ordes, Manuel Regos (UXO), na que reclamaba que fose o Pleno, e non o alcalde, o que designase aos representantes do Concello na Mancomunidade da Comarca de Ordes. A sentenza condena ademais a Manuel Regos ao pagamento de costas (arredor de 700 euros).
Competencia do alcalde, con carácter xeral

A sentenza conclúe que “con carácter xeral, salvo atribución expresa ao Pleno, ou que se trate de órganos colexiados competencia deste, a designación dos representantes municipais corresponde efectuala  ao  alcalde, porque o alcalde ostenta a representación institucional do Concello”.

Esta sentenza constitúe unha nova “labazada”  xudicial a Manuel Regos e a UXO, que xa en setembro foran condenados ao pagamento de costas ao tempo que o xulgado desestimaba outro recurso relacionado coa designación de representantes do Concello nos consellos escolares municipais e na asociación de desenvolvemento comarcal. Tamén daquela a Xustiza recoñecía a Plena competencia de Martínez Sanjurjo para efectuar as designacións.

O Partido Popular de Ordes considera que a sucesión de recursos impulsados por Manuel Regos para entorpecer o labor do novo Goberno local que dirixe Martínez Sanjurjo evidencian “carraxe e mal perder” por parte de quen fora candidato de UXO.