miércoles, 14 de noviembre de 2018

PSOE e BNG boicotean a execución do centro sociocomunitario de Ordes

  • A Deputación da Coruña, presidida polo PSOE, nega unha subvención nominativa para o equipamento do futuro centro, mentres que o BNG xa anunciou o seu rexeitamento a este proxecto.
  • As obras de construción do centro sociocomunitario Isabel Zendal comezarán en breve cunha achega de 360.000 euros da Xunta de Galicia. 
  • O novo equipamento construirase nas inmediacións do campo da feira e dará resposta ás necesidades de Ordes nesta materia. 




Ordes, 14 de novembro de 2018.- A negativa da Deputación da Coruña a conceder unha subvención nominativa de 180.000 euros para contribuír a financiar o equipamento do futuro centro sociocomunitario de Ordes, e as reiteradas declaracións dos BNG local, opoñéndose á execución desta infraestrutura, evidencian un boicot do que o PP local xa sospeitaba desde hai meses.

Sae á luz deste xeito un novo intento da dirección provincial do PSOE coruñés, que preside a Deputación, de frear calquera proxecto que poda resultar útil para a veciñanza de Ordes, como sucederá co futuro centro sociocomunitario. E o mesmo acontece co BNG de Ordes, caracterizado por unha errática política de oposición ao Goberno local do PP que, por extensión, prexudica ao conxunto da veciñanza.

Labazada do PSOE e da Deputación á veciñanza de Ordes

As obras do futuro centro sociocomunitario Isabel Zendal comezarán en breve cunha achega de 360.000 euros concecidos pola Xunta de Galicia, é dicir, a metade do orzamento total necesario para executar e equipar este complexo. O Concello de Ordes só solicitaba á Deputación o 25% do presuposto necesario, pero aínda así a institución que dirixe o socialista González Formoso optou por dar unha labazada á veciñanza de Ordes e negar a subvención que permitiría completar o equipamento preciso para poñer en servizo este centro novidoso.

Este centro construirase nas inmediacións do campo da feira de Ordes para dar resposta ás necesidades que, neste ámbito, presenta a poboación do municipio, especialmente o colectivo da terceira idade.


O futuro centro sociocomunitario de Ordes denominarase Isabel Zendal (natural da parroquia ordense de Parada), para honrar á integrante da Expedición Filantrópica que levou a primeira vacina da varíola a América nos primeiros anos do século XIX e está considerada, pola OMS, como a  primeira enfermeira da historia en misión internacional.