domingo, 18 de noviembre de 2018

O PP de Ordes valora adoptar medidas de presión para reclamar a inmediata licitación da nova rotonda e paso inferior da N-550



  • Desde o PP local advirten que non permitirán que o PSOE de Pedro Sánchez prive a Ordes de 1,2 millóns de euros, xa presupostados, para entregárllelos aos independentistas cataláns
  • A obra debería ser licitada antes do 31 de decembro, dado que os orzamentos deste ano consignan unha partida de 500.000 euros para este proxecto 
  • A intervención é imprescindible para prolongar a ronda leste cara a estrada de Carballo, mellorar a seguridade viaria e desconxestionar a vila de tránsito viario 


Ordes, 17 de novembro de 2018.-O Partido Popular de Ordes valora a adopción de diferentes medidas de presión encamiñadas a lograr a inmediata licitación, antes do vindeiro 31 de decembro, das obras de construción da nova rotonda e paso inferior na estrada N-550, na saída sur da poboación, en dirección Santiago. 

Dado que a licitación da obra podería terse efectuado hai xa varios meses, o PP de Ordes contempla con extrema preocupación o retraso deste trámite, ata o punto de temer a perda da partida presupostaria consignada para a obra. 

Semanas atrás, o alcalde de Ordes remitiu unha carta ao ministro de Fomento solicitándolle unha entrevista, ou coa persoa na que delegase, para abordar esta situación, pero a día de hoxe a misiva continúa sen resposta. Desde o PP de local advirten que non permitirán que o PSOE de Pedro Sánchez prive desta obra de vital importancia á veciñanza de Ordes e aos milleiros de usuarios que cada día usan a estrada N-550. Nesta liña, os populares ordenses trasladarán esta situación ao vindeiro Pleno do Concello, previsto para o vindeiro 29 de novembro, onde porán sobre a mesa as hipotéticas medidas de presión a adoptar de non obter unha resposta convincente por parte do Ministerio de Fomento, responsable da obra, antes desa data. 
A actuación conta cunha partida orzamentaria de 500.000 euros nos Presupostos Xerais do Estado para 2018 e con 700.000 euros nos de 2019, ata completar un total de 1,2 millóns de euros. 

Desde o PP local advirten que non permitirán que o PSOE de Pedro Sánchez prive a Ordes de 1,2 millóns de euros, xa presupostados, para entregárllelos aos independentistas cataláns ou a calquera outro socio populista.

A nova rotonda e paso inferior da N-550 resulta fundamental para o Concello de Ordes e para todos os usuarios da estrada nacional, caracterizada por una elevada densidade de tráfico.


Só unha vez executada esta conexión se poderían comezar o traballos de  prolongación da rolda leste (que na actualidade funciona como circunvalación alternativa para o tráfico que circula pola estrada N-550 polo centro da vila) cara a estrada Ordes-Carballo. Unha vez executada a prolongación, o tráfico procedente da autoestrada con dirección a Carballo e viceversa podería evitar o centro do pobo. O mesmo sucedería cos camións que transportan cadáveres de animais con dirección á planta de tratamento da Areosa e que na actualidade atravesan o barrio do Recreo, cos conseguintes riscos sanitarios, ademais de xerar cheiros, conxestión viaria e notables molestias para a veciñanza.