sábado, 4 de mayo de 2019

“Honestidade, transparencia, atender as demandas da xente e xestionar con sentidiño”, eixes de Martínez Sanjurjo para os vindeiros 4 anos no Concello de Ordes

  • O PP de Ordes presentou este venres a súa candidatura municipal, cunha renovación do 44% e unha idade media de 35 anos
  • O 26 de maio elixiremos “entre un Concello ao servizo de todos, ou regresar ao pasado”
  • Subliña o elevado cumprimento do seu programa electoral do 2015, do que destaca a estrada de Mercurín



Ordes, 4 de maio de 2019.-O Partido Popular de Ordes presentou este venres a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras Eleccións Municipais e que, en palabras do candidato á Alcaldía, José Luis Martínez Sanjurjo, “responde ao que Ordes é e aspira a ser: un municipio conformado por boa xente, honrada, traballadora e con capacidade de superación”. O acto contou coa participación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.


Martínez Sanjurjo insistiu durante toda a súa intervención en que os eixes do PP de Ordes para os vindeiros catros anos, ao igual que durante a Lexislatura que vén de rematar, se sustentan sobre a “honestidade, transparencia, plena disposición para atender as demandas da xente e xestionar con sentido. Esta é a nosa razón de ser”.




O candidato popular confrontou este xeito de gobernar co “caciquismo e o intercambio de favores” que caracterizou ao seu predecesor na Alcaldía de Ordes. “Poderedes elixir entre un Concello aos servizo de todos ou regresar ao pasado”, afirmou.

Moita canteira

A candidatura municipal do PP de Ordes está conformada por 17 titulares e 10 suplentes, “o que revela que temos moita e boa canteira”. As 12 caras novas da lista supoñen un 44% de renovación. A idade media é de 35 anos, “porque a xente nova merece unha oportunidade”.

Durante a presentación, celebrada no Plató Tex 45, ateigado de xente, Martínez Sanjurjo aproveitou para facer balance dos seus primeiros catro anos como alcalde de Ordes, unha etapa na que “traballamos arreo, con moitas dificultades, pero tamén coa satisfacción de facelo desde a honestidade, a transparencia e a plena dispoñibilidade para facer e escoitar e todo o mundo”.



Indicou que tanto a precampaña como a campaña electoral é un tempo propicio para anunciar propostas, pero tamén para render contas e retou aos “autores da desfeita que recibimos no 2015” a dar explicacións sobre, por exemplo, o destino dos mais de 5 millóns de débeda bancaria e das múltiples facturas que deixaron sen pagar.

Dito e feito

Adiantou que boa parte do programa electoral a oito anos co que o PP de Ordes concorreu ás Municipais de 2015 está xa executado e puxo como exemplo a nova estrada de Ordes a Cerceda, por Mercurín; o novo parque infantil cuberto, o centro sociocomunitario en avanzado estado de execución, as medidas de apoio ao deporte local, as sendas peonís, o albergue de peregrinos ou o saneamento das contas do concello, que bordeaban a bancarrota. “Dito e feito. Iso é o que significa votar ao PP”

“Nós redemos contas, porque os cartos públicos non son nosos, son das veciñas e veciños de Ordes, saen dos impostos de todos e por iso estamos especialmente obrigados a xestionar con rigor, honestidade, rectitude e a máxima transparencia”, afirmou Martínez Sanjurjo. “O que lle reclamamos aos demais aplicámolo primeiro en nós mesmos, como ten que ser”.

“Non todos somos iguais”

Martinez Sanjurjo foi precedido no uso da palabra pola número 2 da lista e actual tenente de alcalde de Ordes, Ana Soneira, que recordou todas as dificultades e atrancos cos que se atopou o PP de Ordes catro anos atrás, despois de gañar as eleccións.  Insistiu, referíndose a UXO, que “non todos somos iguais, Nós somos xente honesta e traballadora. Non vimos aquí a lucrarnos nin a chupar do bote”.


Recordou que o Goberno local do PP estivo permanentemente ao carón da xente e das súas preocupacións. Puxo como exemplo o informe técnico municipal que conlevou a recente anulación do vertedoiro de residuos que unha empresa pretendía instalar en Lesta.