jueves, 19 de septiembre de 2019

O PP de Ordes recorda que Pedro Sánchez castiga a Ordes coa paralización da rotonda que permitiría a prolongación da rolda leste


  •  O sectarismo do Goberno central acada cotas inauditas, castigando aos concellos que non son da súa cor política



Ordes, 19 de setembro de 2019.- O Partido Popular de Ordes recorda que o Goberno de Pedro Sánchez está a castigar a Ordes coa paralización do proxecto de execución da rotonda inferior da estrada N-550, na saída sur da vila, cara Santiago, que permitiría a prolongación da rolda leste Esta  actuación contaba cunha dotación de 1,2 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado (500.000 euros nos de 2018 e 700.000 € nos de 2019), compromiso do que non se volveu ter noticia desde o cambio de Goberno.

Os populares de Ordes acusan ao Executivo central de actuar cun sectarismo inaudito, que os leva a castigar aos concellos e comunidades de signo político distinto ao do actual -e agardemos que por pouco tempo máis- ocupante da Moncloa.

Proba dese sectarismo é que mentres castigan a Ordes coa paralización dun proxecto que xa estaba orzamentado, o delegado do Goberno asiste este venres ao inicio das obras  da nova glorieta da Foca, en Sigüeiro. A diferenza de trato é máis que notable.

“Alegrámonos de que comecen as obras en Sigüeiro, xa que moitos veciños de Ordes padecen de cote os problemas de tráfico nesa localidade, pero tamén pedimos xustiza e trato equitativo, para que Ordes poda dispoñer da nova glorieta, necesaria para dar continuidade á rolda leste cara a estrada de Carballo, retirar tráfico pesado da vila e mellorar a seguridade viaria”, afirman os populares ordenses.


O PP local censura a actitude do delegado do Goberno en Galicia, que lonxe de atender ás necesidades dos diferentes concellos, actúa como un comisario político empeñado en cercenar os dereitos da cidadanía que votou maioritariamente a opcións políticas diferentes á súa.