lunes, 27 de mayo de 2019

Martínez Sanjurjo comprométese a responder á confianza maioritaria cunha xestión responsable e honesta ao servizo de toda a veciñanza de Ordes


  • “Desde xa quedo, como fixen sempre, a disposición das veciñas e veciños”, afirma o alcalde electo do PP


Ordes, 27 de maio de 2019.-  O alcalde electo de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, agradece “de corazón” a confianza maioritaria colleitada onte nas urnas pola súa candidatura e comprométese a responder a ese respaldo con “xestión responsable, honesta e obxectiva, sen máis ataduras que a defensa do interese xeral de Ordes”.

“Na Lexislatura que comeza serei o alcalde de todas e todos os ordenses: dos que me votaron e tamén dos que lexitimamente optaron por outras opcións”, afirma o alcalde electo do Partido Popular, para engadir que “desde xa quedo, como fixen sempre, á disposición da veciñanza”. Martínez Sanjurjo agradece o traballo de todo o equipo do PP de Ordes e tamén as críticas que contribuíron a mellorar o seu proxecto político.

O respaldo do 49,3% dos votantes de Ordes ao Partido Popular acredita, a xuízo de Martínez Sanjurjo, que é posible facer política desde unha óptica construtiva, presentado un balance de xestión e explicado á veciñanza o programa de Goberno para os vindeiros catro anos, lonxe de calquera tipo de descualificación persoal, como as que padeceu constantemente o PP local.


O alcalde electo de Ordes atribúe os resultados electorais á xestión desenvolvida polo equipo de Goberno que encabezou durante os pasados catro anos e que, malia ter que lidar cunha levada débeda municipal, foi quen de acadar para este Concello un investimento público superior aos 20 millóns de euros. “A honestidade, a transparencia e o rigor foron e serán o noso sinal de identidade; se algo non podemos facer, explicámolo, pero xamais se debe enganar á veciñanza. Ademais, o meu despacho e o meu teléfono están permanentemente abertos”, recorda.