miércoles, 10 de junio de 2015

O Partido Popular de Ordes acusa a Regos de obstruír deliberadamente a constitución da nova Corporación Municipal


·    O acordo da Xunta Electoral Central volveu quitarlle a razón a Regos, que agora anuncia recurso contencioso-electoral quen sabe se para facer tempo para retirar documentación ou borrar evidencias relacionadas coa súa xestión  

·  Martínez Sanjurjo esixe a Regos que cumpra coas súas obrigas de alcalde en funcións na casa consistorial, se absteña de destruír calquera documento ou informes relacionados coa xestión municipal e advírtelle que pode incorrer en graves irresponsabilidades

Ordes, 9 de xuño de 2015.- O Partido Popular de Ordes acusa ao alcalde en funcións de obstruír deliberadamente a constitución da nova Corporación Municipal coa presentación de sucesivos recursos electorais carentes de fundamento.

Malia que tanto a Xunta Electoral  de Zona como a Xunta Electoral Central rexeitaron xa cadanseu recurso presentado por Unión por Ordes contra os resultados nas Eleccións Municipais (sen aceptar ningunha das reclamacións de UXO), Manuel Regos promove agora a presentación dun recurso contencioso-electoral co que conseguir aprazar a constitución da Corporación que se debería celebrar o vindeiro sábado 13 de xuño.

Mal perder de Regos

Desde o Partido Popular de Ordes atribúen esta decisión ao “mal perder e nulo espírito democrático de Manuel Regos e o seu equipo”, pero tamén a un presunto intento de gañar tempo para seguir contratando obras, retirar documentación e mesmo borrar evidencias relacionadas coa xestión de UXO no Concello de Ordes ao longo dos últimos 8 anos.

Por iso, o portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, esixe ao alcalde en funcións que se absteña de destruír calquera documento ou informe relacionado coa xestión municipal, reclámalle que evite retirar material da Casa Consistorial, e advírtelle que pode incorrer en graves irresponsabilidades no caso de que protagonice  feitos dese tipo.

O Partido Popular de Ordes recórdalle ao rexedor que a obriga de un alcalde, aínda estando en funcións, é a de estar no posto de traballo polo que cobra un salario pagado polos veciños de Ordes; e ao mesmo tempo velar por preservar toda a documentación relacionada coa xestión desenvolvida durante as dúas últimas lexislaturas, e moi especialmente a derivada de todos os procedementos de contratación e adxudicación de obras e servizos.