jueves, 21 de mayo de 2015

Martínez Sanjurjo explica a Diego Calvo as principais necesidades de Ordes





·      No transcurso dunha vista do secretario provincial do PP e presidente da Deputación a Ordes, o candidato popular á Alcaldía efectuou con el unha vista ás principais necesidades da vila, entre elas o pavillón polideportivo do CEIP Campomaior

·      O PP de Ordes denuncia que Regos continúa mentindo abertamente aos veciños, como cando anuncia un centro de emprendedores, malia que recentemente negou axudas que comprometera anteriormente para esa iniciativa

Ordes, 21 de maio de 2015.- O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo,amosou persoalmente e sobre o terreo as principais necesidades da vila ao presidente da Deputación da Coruña e secretario provincial do Partido Popular, Diego Calvo, nunha visita que este efectuou á localidade.
 
Martínez Sanjurjo levou a Diego Calvo ao CEIP Campomaior, que entre outras necesidades, precisa do arranxo do pavillón polideportivo e a dotación de novos equipamentos como duchas e ximnasio que poda ser utilizado non só pola comunidade escolar, senón tamén polos veciños da vila fóra do horario escolar.

Esta medida figura no programa electoral do Partido Popular para as vindeiras eleccións municipais logo de ter proposto, infrutuosamente, no Pleno do Concello, financiar as obras con cargo aos plans anuais de cooperación da Deputación. “Pero, coma sempre,  Regos e os seus socios tiñan outras prioridades que non cadraban coas dos veciños”, explica Martínez Sanjurjo.

O PP de Ordes dispón dun anteproxecto e un estudo que acredita a viabilidade deste ximnasio, como fixo con outras propostas incorporadas ao seu programa electoral.




Tractores municipais fóra de uso

O candidato popular tamén explicou ao presidente da Deputación a situación dos dous tractores de titularidade municipal que foran adquiridos no seu momento polo Concello de Ordes para desbrozar pistas e camiños e que o Goberno de Regos retirou do servizo e trasladou a unha nave privada. No seu lugar, o Concello contratou os labores de desbroce a unha empresa privada, co conseguinte encarecemento do servizo e diminución da eficacia.

O programa do Partido Popular propón volver a poñer en servizo, durante todo o ano, os dous tractores do Concello, solicitando a axuda da Deputación e doutras administracións no caso de que fose necesaria a substitución de algunha das máquinas.

Diego Calvo amosouse receptivo ás demandas formuladas por Martínez Sanjurjo e comprometeu o apoio da Administración provincial a estas propostas.

Non hai centro de emprendedores

Desde o Partido Popular de Ordes tamén se amosan extremadamente críticos coas reiteradas mentiras do aínda alcalde de Ordes durante esta campaña electoral, como o anuncio de posta en marcha dun centro de emprendedores na vila.


Desvela o Partido Popular, que o Concello de Ordes denegou xa expresamente algunhas das axudas comprometidas meses atrás con persoas interesadas en instalarse nese hipotético centro de emprendedores. Un dos afectados, ao que o Concello retirou a axuda que lle anunciara previamente, é un investigador mozo que pretendía desenvolver traballos de xenómica. Esa axuda, agora anulada,  chegara a ser anunciada oficialmente polo Concello nos medios de comunicación meses atrás.