viernes, 1 de mayo de 2015

José Luis Martínez comprométese a xestionar e sanear as contas para devolver a transparencia ao Concello de Ordes


  • Acompañado polo presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e polo secretario dos populares na provincia da Coruña, Diego Calvo, afirmou que se presenta "con todas as ganas do mundo" para conseguir unha maioría coa que instaurar unha nova etapa política en Ordes

  • José Luis Martínez Sanjurjo asegurou que o municipio necesita "ideas novas e novos proxectos, con persoas que dean un impulso a un concello que leva anos paralizado"

  • O cabeza de lista dos populares anunciou a súa intención de poñer en marcha un centro de maiores, unha gardaría, un centro de ocio para nenos e mozos e un parque infantil cuberto

  • Pola súa banda Diego Calvo gabou a "valentía" mostrada por José Luis Martínez, a quen cualificou dunha persoa "preparada" para asumir o goberno dun municipio ao que "lle chegou a hora do cambio", e subliñou que o Partido Popular é "sinónimo de boa xestión"




Ordes, 30 de abril de 2015.- O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ordes para as próximas eleccións municipais, José Luis Martínez Sanjurjo, comprometeuse este xoves a xestionar e sanear as contas para devolver a transparencia ao Concello.

No acto de presentación da súa candidatura e acompañado polo presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e polo secretario dos populares na provincia da Coruña, Diego Calvo, Martínez afirmou que se presenta "con todas as ganas do mundo" para conseguir unha maioría coa que instaurar unha nova etapa política en Ordes.

Arroupado por un equipo de persoas que cualificou de "comprometido, traballador, preocupado polo municipio" e cunha media de idade de 35 anos, o candidato dos populares asegurou que os veciños de Ordes merecen "moito máis do que teñen agora.

Neste sentido, Martínez, que se presenta por segunda vez aos comicios municipais, afirmou que fan falta "ideas novas e proxectos novos, con persoas que dean un impulso a un concello que leva anos paralizado".

Equipamentos públicos

O cabeza de lista dos populares aproveitou a súa intervención para anunciar a súa intención de poñer en marcha novos equipamentos públicos na vila como un centro para maiores, unha gardaría pública, un centro de ocio para nenos e mozos e un parque infantil cuberto.

"Hai moitas cousas que se poden facer e que hai que facer", asegurou Martínez, quen se comprometeu tamén a levar a cabo un plan integral de mantemento da rede viaria co que arranxar a estrada que une Ordes con Cerceda.

Así mesmo, o candidato dos populares fixou en dous anos o prazo máximo para a aprobación definitiva dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que cualificou de "vital" para o desenvolvemento do Concello.

Martínez tamén insistiu na "necesidade" de sanear unhas contas municipais que acumulan un débeda de nove millóns de euros, e anunciou unha rebaixa media do 10% nos impostos municipais directos.

A hora do cambio


Pola súa banda, Diego Calvo gabou a "valentía" mostrada por José Luis Martínez, a quen cualificou dunha persoa "preparada" para asumir o goberno dun municipio ao que "lle chegou a hora do cambio", e subliñou que o Partido Popular é "sinónimo de boa xestión".

"Estou seguro de que José Luis coñece ben as necesidades dos seus veciños", afirmou o secretario dos populares, quen asegurou que o candidato de Ordes "merece a oportunidade de demostrar que é capaz de devolver ao municipio o lugar que nunca debeu perder".