sábado, 18 de abril de 2015

O Concello de Ordes aproba unha modificación de crédito as portas da campaña electoral na procura de réditos nas urnas


  • O Partido Popular desvela que ante a falta de xestión de catro anos, o recurso desesperado do goberno local é o de asfaltar eiras, acondicionar accesos a fincas particulares e colocar espellos e farolas
  • Os populares reclaman que todas as obras aprobadas se contraten mediante concurso público, evitando a opacidade e o amiguismo que caracterizou toda a xestión de Regos
  • “Se Regos quere facer campaña, que a pague do seu peto, e non cos cartos dos impostos de todos os veciños”, afirma Martínez Sanjurjo



Ordes, 18 de abril de 2015.- A modificación de crédito por valor de 434.500 euros aprobada onte polo Concello de Ordes está orientada a financiar obras executadas por empresas amigas do alcalde durante a campaña electoral, vulnerando así os máis elementais principios democráticos, razón pola que o Partido Popular votou en contra da medida.

José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes e candidato á Alcaldía, explica que a medida aprobada onte a instancias do grupo de Goberno co apoio do PSOE e de CdG se enmarca na estratexia de incentivación do voto cautivo, como xa fixeran nas municipais de hai catro anos. 

Asfaltando eiras

Desvela Martínez Sanjurjo que ante a falta de xestión de todo un mandato co que convencer ao electorado, o actual goberno de Ordes recorre ao asfaltado de eiras, acondicionamento de accesos a fincas particulares e colocación de espellos e farolas, nun intento desesperado de buscar apoios nas municipais do vindeiro 24 de maio.

Que se planifiquen e transparenten as obras

“Desde o Partido Popular non estamos en contra de que se melloren os equipamentos públicos, pero esiximos que as obras se planifiquen seguindo criterios obxectivos e se adxudiquen mediante concurso público, con transparencia, en lugar de facelo a dedo arredor de un mantel para favorecer a determinadas empresas amigas do alcalde”, agrega Martínez Sanjurjo.

Para o candidato popular, “se Regos quere facer campaña, que a pague do seu peto, e non cos cartos dos impostos de todos os veciños a través de obras precipitadas que, lonxe de procurar o interese xeral, buscan unicamente o rédito electoral”.

Nesta liña, José Luis Martínez conclúe: “Se o exercicio 2014 se pechou con superávit foi pola mala execución do proxecto orzamentario, ¿por que non se acometeron as obras antes de agora, ao longo do ano pasado, sen necesidade de agardar ao mes das Eleccións?”.