miércoles, 25 de febrero de 2015

O PP de Ordes denuncia as deficiencias dos espazos de aparcamento da vila e acusa ao alcalde de rirse dos veciños


  • O Pleno municipal aprobou, hai máis de un ano e por proposta do PP, unha moción para instar ao Concello a arranxar as áreas de estacionamento libre, sen que desde entón se teña feito nada para mellorar esta servizo


Ordes, 25 de febreiro de 2015.- Os diferentes estacionamentos públicos da vila de Ordes, e especialmente os situados ao carón das rúas Compostela, Víctor González Faya e Nova, presentan un moi deficiente estado de conservación, mentres o Concello elude os compromisos adquiridos para arranxalos, segundo denuncia o Partido Popular.

Xa en xuño de 2014, o Partido Popular levou ao Pleno, onde se aprobou por unanimidade, unha moción para instar ao Goberno local a arranxar as áreas de estacionamento libres, ademais de habilitar novas prazas de aparcamento. Sen embargo, e malia ter aprobado a proposta por unanimidade, o alcalde de Ordes fai caso omiso dos compromisos adquiridos e non adoptou medida algunha desde entón para materializar o mandato contido na moción. Con esta actitude, “o alcalde rise dos veciños”, argumenta o portavoz municipal do Partido Popular, José Luis Martínez Sanjurjo.

Para poñer freo ao mal estado destes estacionamentos, o Partido Popular presentará un novo rogo no vindeiro Pleno municipal, no que esixirá ao alcalde que materialice os compromisos adquiridos e, neste caso, adopte as medidas necesarias para arranxar os estacionamentos ao aire libre habilitados na vila. A tal efecto, o PP insta ao Goberno local a que, de acordo cos titulares dos terreos, execute a mellora do firme e dos accesos, así como a roza lateral cando sexa preciso nestes espazos.


Ao deficiente estado de conservación dos aparcadoiros súmase a redución do espazo dispoñible. Recorda o PP que as obras de ampliación dos baixos da Alameda de Ordes non só supuxeron un quebranto económico para as arcas municipais a cambio dun espazo de discutible utilidade, senón que tamén privou á vila dun amplo espazo que viña sendo utilizado, tradicionalmente, como zona de aparcamento no centro do núcleo urbano.