viernes, 6 de febrero de 2015

ECONOMÍA E INDUSTRIA INVISTE NO CONCELLO DE ORDES PRETO DE 350.000 EUROS NA MELLORA DA PRAZA DE ABASTOS E DO POLÍGONO EMPRESARIAL DO MUNICIPIO


  • No mercado municipal creáronse novos postos de venda e mellorouse a accesibilidade
  • No parque industrial, os traballos subvencionados polo departamento autonómico consistiron na pavimentación das vías principais
  • A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, xunto co alcalde, Manuel Regos, supervisou hoxe o resultado destes proxectos


Ordes, 5 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Ordes, para supervisar o resultado de diversos proxectos subvencionados pola Consellería de Economía e Industria no municipio, que en total supuxeron un investimento de preto de 350.000 euros.

En primeiro lugar, Do Campo, acompañada polo alcalde, Manuel Regos, e o concelleiro e voceiro do grupo municipal do Partido Popular, José Luis Martínez, desprazouse á praza de abastos, onde veñen de rematar os traballos para a creación de novos postos de venda na planta baixa e mellorar os xa existentes, así como para acondicionar a planta superior para habilitar outros novos. A subvención concedida neste caso foi de 112.500 euros, que se suma á xa consignada no ano anterior, de 118.000 euros, que serviu para dotar as dependencias dun acceso para persoas con mobilidade reducida e adaptar os aseos para discapacitados, ademais de mellorar a instalación eléctrica a través de criterios de eficiencia enerxética e de reparar a fachada.

A delegada territorial explicou que estas obras forman parte do programa de apoio aos concellos galegos para o impulso das prazas de abastos e mercados tradicionais por parte do Goberno galego, avanzando así no obxectivo de consolidar estas instalacións como líderes na venda de produto fresco e de calidade. A convocatoria deste ano, dotada con preto de 3 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder, permanecerá aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 23 de febreiro.

Subvención de ata o 80% do proxecto
Tras a visita ao mercado, Do Campo e os representantes municipais desprazáronse ata o polígono empresarial onde comprobaron o estado das dúas vías principais, que veñen de ser pavimentadas cos fondos obtidos a través das axudas de Economía e Industria habilitadas para este fin, unha contía que, no caso de Ordes, ascendeu a 119.200 euros, é dicir, o 80% do custe total do proxecto. Aquí, as actuacións incluíron o desbroce e limpeza de gabias, o fresado do pavimento e a reposición da capa de rodaxe con aglomerado en quente e a reposición da sinalizacións horizontal e vertical.

A máxima representante do Goberno galego na provincia indicou que esta axuda enmárcase no programa de apoios impulsado desde o departamento autonómico para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais. “A través destas liñas de subvencións impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial”, apuntou.

En total, 21 concellos da provincia da Coruña beneficiáronse neste último ano destas subvencións, que suman un investimento de 1,8 millóns de euros. En toda Galicia, o programa consignou 4,2 millóns de euros, “configurando un dos orzamentos máis importantes desde a súa posta en marcha”, destacou Do Campo. As iniciativas obxecto de subvención abarcaron eidos diversos, como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.