miércoles, 28 de enero de 2015

O Concello de Ordes segue incumprindo a ordenanza municipal que obriga aos madeiristas a arranxar os desperfectos ocasionados na rede viaria pública


  • Unha pista de Mercurín presenta estes días un estado lamentable logo da saca de madeira, situación que xa se rexistrou recentemente noutras parroquias do Concello, sen que o alcalde tome cartas no asunto


Ordes, 129 de xaneiro de 2015.- O Concello de Ordes incumpre sistematicamente a ordenanza municipal sobre prantacións e repoboacións forestais que obriga aos madeiristas a reparar o dano causado nas vías públicas unha vez rematados os traballos de saca, almacenamento e transporte de madeira.

O último caso produciuse nunha pista situada nas inmediacións do lugar de Perra, na parroquia de Mercurín, onde o vial presenta un estado practicamente intransitable logo dos traballos forestais acometidos na zona, como pode apreciarse nas fotografías. Veciños da zona puxeron o caso en coñecemento do Partido Popular ante o desleixo do Concello, que ignora a ordenanza municipal e permite o deterioro continuados da pistas do municipio.

Feitos reiterados

O pésimo estado desta pista non constitúe un caso illado, posto que en datas recentes xa se teñen rexistrado situacións similares noutras parroquias de Ordes. A anterior produciuse en Lesta e así foi denunciado polo Grupo Municipal do Partido Popular nun Pleno recente.

No pleno ordinario desta semana, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, volverá reclamar ao alcalde a aplicación da ordenanza municipal sobre prantacións e repoboacións forestais, para velar polo arranxo dos desperfectos ocasionados na rede viaria. Ao tempo, insistirá na necesidade de completar os traballos de desbroce en todas as pistas de concentración parcelaria cun triplo obxectivo: mellorar a súa conservación, facilitar o tránsito de vehículos e previr a propagación de incendios forestais.



A que obriga a ordenanza?

A ordenanza sobre prantacións e repoboacións forestais do Concello de Ordes, publicada na web do Concello, sinala, no seu artigo  8º que “... A autorización municipal para o transporte e almacenamento (de madeira) será obrigatoria e gratuíta, no obstante, o madeirista deberá ingresar na Tesourería municipal unha fianza, cuxa contía determinará o técnico municipal, para responder polos posibles danos e prexuízos na rede viaria, que non será devolta ata que se comprobe que no se causaron danos ou prexuízos ás vías públicas municipais”.

No caso de que os danos sexan ocasionados polo depósito de madeira nas marxes ou cunetas, a ordenanza municipal tamén prevé imputar os gastos ao responsable da infracción. Se resultase necesario reparar os danos ocasionados na vía pública, está previsto que o responsable dos feitos asuma a factura do gasto realizado.