lunes, 26 de enero de 2015

O PP de Ordes rexeita os Orzamentos de 2015, que con 8,5 millóns de euros só destinan 400.000€ a investimentos directos con fondos propios



  • A xestión de Regos sitúa a Ordes entre os concellos galegos con maior débeda por habitante; é o concello coruñés que menos cartos dedica a protección e promoción social, malia que os seus ingresos medran cada ano cos impostos que cobra aos veciños 
  • Martínez Sanjurjo denuncia no Pleno  o “abuso continuado das adxudicacións a dedo, sempre para as empresas amigas do alcalde e sen dar publicidade á contratación”
  • A partida pa investimentos redúcese un 17% respecto a 2014, pero o importe destinado a amortizar débeda supera nun 32% os investimentos directos con fondos propios


Ordes, 26 de xaneiro de 2015.- O Partido Popular de Ordes votou hoxe en contra dos orzamentos municipais para o ano 2015 por entender que non responden ás necesidades da vila e das parroquias, malia as diferentes medidas impulsadas pola Administración central, autonómica e local para axudar ao Goberno local.

     No Pleno extraordinario celebrado esta mañá para aprobar os Orzamentos de 2015, o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, recordou que o Concello de Ordes tivo que ser rescatado polo Goberno central para poder facer fronte a unha “débeda municipal millonaria” derivada de múltiples facturas impagadas, “moitas delas xurdidas do mercadeo de votos da campaña  das municipais de maio de 2011”.

   Recordou tamén que as medidas de apoio aos concellos impulsadas por outras administracións permitiron reducir os xuros do Concello de Ordes dun 7% ao 1%, o que implica un aforro de máis de 600.000 euros. Con todo, en 2015, o Concello de Ordes deberá destinar 549.000 euros á amortización da débeda, un 32% máis que a partida destinada a investimentos con fondos propios e situada en tan só 417.000 euros, dentro dun orzamento global de 8,5 millóns de euros.

   Martínez Sanjurjo cuestionou tamén esta redución da partida do anexo de investimentos, que pasa dos 510.000 euros previstos inicialmente para 2014, aos 417.000 euros de 2015, o que supón unha caída do 16,7% sobre o exercicio anterior.

       Neste escenario, o voceiro do Partido Popular  constatou que o Goberno de Regos non garante os investimentos mínimos necesarios para atender as necesidades da vila e das parroquias. Criticou tamén o “abuso continuado das adxudicacións a dedo, sempre para as empresas amigas do alcalde, sen dar publicidade aos procedementos de contratación”.

Máis impostos para pagar a débeda xerada por Regos

     Fronte aos argumentos manexados desde a Alcaldía, Martínez Sanjurjo lembrou que Ordes se sitúa no posto 16 entre os concellos galegos máis endebedados, cunha débeda por habitante que duplica á medida da Comunidade. Ao tempo, Ordes é o quinto concello galego e o primeiro da provincia da Coruña  que menos cartos destina as protección e promoción social.

     Sen embargo, a ausencia de investimentos e prestacións municipais  contrasta coa crecente presión fiscal á que se ven sometidos os veciños de Ordes. O incremento da recadación por IBI de urbana permitiu ao Concello de Ordes incrementar os seus ingresos en 450.000 euros/ano desde o ano 2013. En 2015, a subida implicará uns ingresos adicionais de 110.000 euros para as arcas municipais.

     O portavoz municipal do Partido Popular referiuse tamén á hipocresía do equipo de Goberno, que malia a ter solicitado propostas á oposición para incorporar aos Orzamentos, rematou por ignoralas. Como exemplo, sinalou que o PP local propuxera incorporar aos Orzamentos de 2015 un Plan integral de mantemento e limpeza das estradas de titularidade municipal, incluíndo tarefas de desbrozamento; a mellora da sinalización horizontal da vila (aínda sen rematar); a posta en servizo dos saneamentos xa executados en Ordes, Ardemil e Buscás; a execución de beirarrúas no núcleo urbano, ou  as obras de mellora nas instalacións do CEIP Campomaior que son de titularidade municipal. Esta última, proposta polo PP, foi finalmente “fagocitada” polo PSOE, socio de Regos, que a trata de presentar como unha proposta propia, cando a realidade é que copiou unha iniciativa rexistrada meses atrás polo PP, e daquela votou en contra da aprobación da moción dos populares ordenses.