martes, 16 de diciembre de 2014

O PP de Ordes propón incluír o mantemento integral da rede viaria municipal nos presupostos do Concello para 2015


  • Entre as propostas  presentadas inclúe tamén obras de mellora no Pavillón Polideportivo do CEIP Campomaior así como diferentes proxectos excluídos polo Concello no POS 2015 financiado pola Deputación da Coruña
  • Propón efectuar a adxudicación dos traballos mediante o procedemento negociado con publicidade, para transparentar a contratación e incrementar a concorrencia



Ordes, 16 de decembro de 2015.- O Partido Popular de Ordes acaba de remitir un documento con propostas para incluír nos Orzamentos do Concello para o ano 2015, entre as que figura un plan de mantemento integral para a totalidade da rede viaria municipal.

A proposta, asinada polo portavoz municipal do PP local, José Luis Martínez Sanjurjo, pretende que o Concello presuposte nos Orzamentos de 2015 unha partida coa que financiar a limpeza da totalidade da rede viaria municipal con especial atención aos foxos e taxeas, ademais de rebachear as fochancas existentes nas vías deterioradas, para evitar que se incrementen os desperfectos das mesmas. Os populares de Ordes entenden que estes traballos se deberían adxudicar  mediante o procedemento negociado con publicidade, para transparentar a contratación municipal e incrementar a concorrencia.

Outras obras na rede viaria

Tamén no capítulo da rede viaria, o Partido Popular de Ordes propón presupostar seis proxectos que o Concello excluíu do POS 2015 financiado pola Deputación da Coruña. En concreto, o PP local estima que o Concello de Ordes debería executar directamente as seguintes actuacións:

  • Arranxo da pista que parte da estrada N-550, pasando pola Reboira, ata a canteira de áridos.
  • Acadar a plena operatividade das obras de saneamento executadas en Ordes, Ardemil e Buscás.
  • Arranxo da pista entre Mesón do Vento e Morgade.
  • Execución e arranxo de beirarrúas na Rúa Nova de Ordes, no tramo comprendido entre as súas Rosalía de Castro e Galicia.
  • Execución e arranxo de beirarrúas na Rúa de Campeiras e Travesía de Campeiras.
  • Arranxo da pista que comunica o núcleo de Ameixeira con Carballedo (Vilamaior).

Pavillón do CEIP Campomaior

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes insta tamén ao Concello a presupostar a execución das melloras que precisa o pavillón polideportivo do CEIP Campomaior, como a substitución da cuberta e os laterais para garantir  un axeitado illamento térmico e acústico e mellorar a iluminación natural interior mediante tragaluces.


Nesta intervención, o PP local propón tamén mellorar o illamento térmico dos paramentos verticais, mellorar a acústica do recinto; instalar un novo piso sobre a actual pista de formigón para facilitar o desenvolvemento das actividades deportivas habituais, incluíndo as clases de educación física dos alumnos matriculados neste centro escolar. Propoñen, ademais, intervencións encamiñadas a mellorar o sistema de iluminación artificial e os vestiarios e aseos xa existentes.