sábado, 13 de diciembre de 2014

O PP de Ordes agradécelle a Xunta a incorporación deste Concello ao Plan de Transporte Metropolitano


·    O Portavoz municipal do PP, José Luis Martínez Sanjurjo, mantivo unha reunión coa directora xeral de Mobilidade, na que constatou o compromiso da Xunta para concluír o proceso antes de rematar o primeiro semestre de 2015

·    Os usuarios frecuentes do transporte público entre Ordes e Santiago e A Coruña poderán obter descontos de ata o 50% e poderán chegar a utilizar de balde as conexións co transporte urbano das dúas cidades

·   Un usuario habitual poderá aforrar ata 1.200 euros/ano para o traxecto Ordes-Santiago e 1.400 se viaxa á Coruña; os universitarios da UDC aforrarán ata 90 euros adicionais cada exercicio

Ordes, 13 de decembro de 2014.- O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, agradece a implicación da Xunta de Galicia para incorporar en breve a este municipio ao Plan de Transporte Metropolitano, incorporación que implicará notables vantaxes para os usuarios habituais da rede de transporte público que enlaza este Concello coas cidades da Coruña e con Santiago de Compostela.

Martínez Sanjurjo mantivo o pasado xoves unha reunión de traballo coa directora xeral de Mobilidade da Xunta, Helena de Lucas, á que reclamou axilidade para incorporar Ordes ao Plan de Transporte Metropolitano no prazo máis breve posible. A directora xeral comprometeuse a axilizar o proceso de xeito que os usuarios podan acceder definitivamente aos beneficios deste plan antes de finalizar o primeiro semestre de 2015.

Aforros de ata 1.200 euros/ano para o traxecto Ordes-Santiago

Unha vez implantado, o Plan de Transporte Metropolitano permitirá que os usuarios habituais do transporte público entre Ordes e Santiago de Compostela podan viaxar por 1,25€/traxecto coa tarxeta metropolitana, cun desconto do 50% respecto ás tarifas actuais, co beneficio adicional de poder utilizar de balde o transporte urbano en Compostela nun prazo de 60 minutos. Un membro de familia numerosa pagaría só 0,63€/traxecto. Con estes descontos, un usuario diario poderá aforrar preto de 700 euros anuais, aforro que ascendería a case 1.200 euros se tamén é usuario do transporte urbano.

Ata 1.400€ de aforro anual para o traxecto Ordes-A Coruña

Para os usuarios habituais do transporte público entre Ordes e A Coruña e viceversa, o custe do billete quedaría reducido a 2,2€ coa tarxeta metropolitana, o que significa un aforro de 800 euros anuais, que ascendería ata os 1.400 euros/ano no caso de que tamén utilice o bus urbano. Un estudante da UDC, con axudas para o transporte, aforraría outros 90 euros adicionais. Un membro dunha  familia numerosa podería viaxar por 1,1 €/traxecto.

En opinión de Martínez Sanjurjo, “as vantaxes da incorporación de Ordes ao Plan de Transporte Metropolitano que financia a Xunta no 80% son máis que evidentes e constitúen unha nova mostra da aposta do Goberno de Feijóo polas políticas sociais e o apoio ás familias malia as dificultades económicas do momento”.

O portavoz municipal do PP agarda que ao estender a Ordes o Plan de Transporte metropolitano mellore tamén a calidade do transporte interurbano que conecta a Vila con Santiago e a Coruña, na medida en que o agardado incremento da demanda pode implicar un aumento das frecuencias dispoñibles.