miércoles, 26 de noviembre de 2014

O Concello de Ordes propón construír beirrarrúas ata a casa dun concelleiro, mentres Regos nega obras esenciais aos veciños argumentando falta de cartos


  • “Regos ignora as necesidades dos veciños, pero non ten reparo en destinar máis de 17.000 euros para que un dos seus concelleiros poda pasear sen enlamear os zapatos”, afirma Martínez Sanjurjo

Ordes, 26 de novembro de 2014.- O alcalde de Ordes propón construír beirrarúas ata a casa dun concelleiro de UXO con cargo ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal - POS 2015-, mentres nega a execución de equipamentos básicos aos veciños que llo reclaman argumentando que o Concello non ten cartos. Sirvan como exemplo na mesma parroquia de Ardemil, as carencias nos accesos á Hedra, As Raposeiras ou viais en Moscoso e Orellán.

O escaso mantemento brindado polo Concello de Ordes á rede viaria municipal durante as case dúas lexislaturas que Regos leva na Alcaldía de Ordes acelerou a deterioración dos equipamentos públicos ata o punto de que arranxar as principais deficiencias observadas requiría un investimento mínimo de 2,9 millóns de euros, aos que aínda habería que engadir a partida económica necesaria para a mellora da estrada de Mercurín, segundo se desprende dun recente estudo efectuado por un enxeñeiro de camiños a partir das propostas presentadas polos distintos grupos políticos para ser incluídas no POS 2015.

Sen embargo, e malia a magnitude das carencias existentes, o alcalde de Ordes prefire seguir facendo gala do amiguismo que caracteriza a súa toma de decisións e opta por financiar con 17.226,18 euros a construcción de beirrarúas entre o Campo da Feira do Mesón do Vento e A Salgueira, para dotar deste equipamento a un dos concelleiros de UXO que conforman o seu equipo de Goberno. Curiosamente, o proxecto contempla a execución de beirrarúas só nunha marxe da estrada e previsiblemente fora das aliñacións oficiais, xusto a que dá servizo á vivenda en cuestión. Os populares ordenses si poderían considerar como admisible a execución do tramo mais próximo ao campo da feira do Mesón do Vento.

Para o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, este comportamento do alcalde resulta “inadmisible nunha corporación democrática, co agravante de que se suma a outros comportamentos similiares rexistrados en datas recentes”.

“Á vista dos propósitos do alcalde, moito terían que mudar as cousas para que o PP de Ordes apoie a totalidade da proposta do POS 2015 que se debaterá no Pleno deste xoves”, agrega Martínez Sanjurjo.


“Regos ignora as necesidades dos veciños, pero non ten reparo en destinar máis de 17.000 euros para que un dos seus concelleiros poda pasear sen enlamear os zapatos”, afirma Martínez Sanjurjo