miércoles, 5 de noviembre de 2014

O PP propón destinar os 400.000€ do POS 2015 a arranxar as pistas e estradas de Ordes


  • Os populares de Ordes propoñen destinar a subvención da Deputación da Coruña á execución de 55 intervencións, a maioría en pistas de titularidade municipal necesitadas de arranxo logo de anos de desidia
  • Na vila, o PP pide arranxar as beirarrúas da Rúa Nova e Campeiras
  • Á marxe dos viais, suxire poñer en servizo a as obras de saneamento xa executadas en Buscás e Ardemil


Ordes, 5 de novembro de 2014.- O Partido Popular de Ordes propón executar un total de 55 actuacións con cargo á subvención de 400.670 euros concedida pola Deputación da Coruña a este concello no marco do Plan de Obras e Servizos 2015.

Agás a proposta de poñer en servizo as obras de saneamento xa executadas nas parroquias de Buscás e Ardemil, as restantes intervencións que o PP considera necesario valorar executar con esta partida (o Concello só está obrigado a participar no cofinanciamento dos proxectos cunha achega do 5% do orzamento previsto) corresponden a obras de arranxo e mellora da rede viaria municipal.

O portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, estima  necesario priorizar o arranxo de pistas, estradas e acesos a vivendas na medida en que o Concello leva anos desentendéndose destes equipamentos, que en numerosos puntos presentan un estado lamentable que require unha intervención inmediata.

Radiografía da realidade

“Como en reiteradas ocasións o alcalde ten dito que as pistas e estradas de Ordes están esplendorosas, demostrando un clamoroso descoñecemento da realidade, desde o Partido Popular ofrecémoslle una radiografía detallada de unha boa parte das necesidades cotiás dos veciños. Agardamos que tomen nota da situación e, dunha vez por todas, se decidan a atender as verdadeiras necesidades dos sufridos contribuíntes de Ordes”, agrega Martínez Sanjurjo.

Na capital municipal, o PP propón cofinanciar coa partida económica achegada pola Deputación o arranxo das beirarrúas na Rúa Nova, no tramo comprendido entre as rúas Rosalía de Castro e Galicia. Tamén na vila de Ordes, os populares instan ao Concello a reformar as beirarrúa na Rúa e a Travesía das Campeiras, entre outras intervencións.



(Axúntase proposta íntegra na que se detallan todas as intervencións propostas polo PP para ser financiadas con cargo ao POS 2015)