sábado, 25 de octubre de 2014

O PP lembra que os recibos do IBI para os veciños de Ordes continuarán a medrar entre 2015 e 2023


 
  • O Concello quere enganar aos veciños e minimizou deliberadamente a suba deste ano para tratar de evitar efectos colaterais nas vindeiras  municipais
     
  • A revisión da ponencia de valores, impulsada por Regos, supón unha subida media do 53% no valor catastral dos inmobles, que nalgún caso concreto chega ao 100%
 
Ordes, 25 de outubro de 2014.- Os recibos do IBI para os veciños de Ordes medrarán unha media anual do 10% (variación do valor catastral 2013 ao valor catastral 2014) entre 2015 e 2023 como consecuencia da aplicación da ponencia de valores impulsada polo alcalde, Manuel Regos, no actual mandato, logo de terse acollido a un crédito do plan de pago a provedores de 2,8 millóns de euros para saldar facturas impagadas. O feito de que esta suba non se reflicta de un xeito significativo en moitos dos recibos que os propietarios están a recibir estes días obedece a unha manobra impulsada por Regos e Marín, co apoio do PSOE, para enganar aos veciños co obxecto de tratar de minimizar a previsible erosión electoral que a medida pode provocar sobre os resultados de UXO nos comicios municipais previstos para a primavera de 2015.
 
É dicir, o Concello trata de minimizar a suba deste ano, trasladándoa aos recibos que se emitirán nos nove anos posteriores ás vindeiras municipais.
 
Subas de entre o 53% e o 100% no valor catastral
 
O Partido Popular de Ordes recorda que a subida do IBI que se comezará a percibir na base liquidable dos recibos aboados en este ano 2014 é consecuencia da ponencia de valores impulsada por Regos, e que supuxo un incremento medio do 53% nos valores catastrais dos inmobles do Municipio de Ordes, suba que nalgúns casos acada o 100% nos dez anos de aplicación da medida. As maiores subidas afectan ás vivendas novas, suba que resulta especialmente gravosa para os seus titulares –xeralmente mozos- porque aínda están a pagar  unha hipoteca á que se lle suma o incremento do IBI.
 
Todo iso a maiores de ter incrementado o tipo de gravame dun 0,40%, o aplicado no ano 2006, ata o 0,60% do presente ano 2014.
 
Recursos que dan a razón aos veciños
 
Apunta tamén o PP que a maior parte dos recursos de reposición presentados fai un ano están a ser resoltos a favor dos contribuíntes total ou parcialmente, dados os numerosos erros detectados, e que abranguen desde superficies erróneas ata datos incorrectos na antigüidade, estado de conservación, tipoloxía construtiva, ou mesmo presupoñían de un xeito equivocado o uso de un determinado local. Estes erros supoñían ata un incremento do 30% no importe do recibo.
 
Por iso, o PP anima aos contribuíntes con recursos resoltos ao seu favor que revisen o recibo do IBI 2014, xa que os recursos resoltos con data posterior ao 1 de xaneiro de 2014 non foron contemplados aínda nas liquidacións. Con todo, estes contribuíntes teñen dereito a que se lles devolva o importe cobrado indebidamente. A reclamación pode ser presentada nas oficinas municipais.
 
Os contribuíntes que observen erros nos datos catastrais dos seus bens aínda están a tempo de presentar un recurso extraordinario de revisión ou iniciar un expediente de subsanación de discrepancias ante a xerencia rexional do Catastro para regularizar a situación.