jueves, 16 de octubre de 2014

A axuda para a Casa Consistorial de Ordes revela que o Concello deixou pasar varios anos sen solicitar partida algunha


  • O PP de Ordes puntualiza que se a Deputación concedeu a axuda é consecuencia da boa xestión desenvolvida polo presidente popular da institución, Diego Calvo

  • Os populares cuestionan que UXO e PSOE se empeñen en defender obras faraónicas que non interesan aos veciños, mentres se desentenden das necesidades reais

Ordes, 16 de outubro de 2014.- A achega económica da Deputación Provincial da Coruña ao Concello de Ordes para as obras do salón de  plenos da casa Consistorial revela que, malia todas as queixas públicas efectuadas durante os últimos anos, o equipo de Goberno local non solicitara ata o presente ano axuda algunha para rematar as obras.

O Partido Popular de Ordes puntualiza que a concesión desta axuda á unha consecuencia directa da boa xestión efectuada na institución provincial polo actual presidente da mesma, o popular Diego Calvo, que logrou acadar un remanente positivo.

As obras no Concello non eran prioritarias

Con todo, os populares ordenses cuestionan que as prioridades de UXO e do seu socio incondicional, o PSOE, pasen por rematar obras faraónicas que ningún veciño reclama, como a Casa Consistorial, mentres se desentenden de necesidades básicas. O Partido Popular sempre cuestionou abertamente a decisión de executar unha nova Casa Consistorial e as obras de reconstrución da antiga, unha actuación moi custosa que, malia as axudas públicas da Xunta, obrigou ao Concello a solicitar un crédito de 1,4 millóns de euros que se está a devolver a costa de subir os impostos aos veciños.


Os recursos dilapidados nas obras das dúas casas consistoriais poderían ter solucionado moitas das carencias que padecen os veciños a cotío en materia de comunicacións viarias, saneamento e abastecemento, entre outros.