- A beirarrúa sobre a que caeron os cascotes é transitada con frecuencia por veciños e escolares, expostos a unha situación de risco
- O PP de Ordes reclamará a intervención do Concello a través dunha moción que defenderá no vindeiro Pleno
Ordes, 13 de outubro de 2014.-
O mal estado de conservación do pavillón municipal Castelao II de Ordes
traduciuse esta fin de semana na caída de cascotes nunha beirarrúa anexa que
utilizan a cotío veciños e escolares, expostos a unha situación de risco físico
evidente ante a desidia do Concello.
O Partido Popular, que xa a semana pasada denunciou os danos
estructurais que presenta esta construcción –afectada por fendas,
desprendementos e armado de ferro corroído e á vista, co conseguinte proceso de
oxidación e deterioración progresiva- reclama a intervención inmediata do
Concello para evitar riscos aos usuarios da instalación, pero tamén aos peóns
que podan utilizar a beirarrúa anexa ao pavillón.
Moción ao Pleno
Nesta liña, o Grupo Municipal do
Partido Popular de Ordes presentará unha moción no Pleno municipal ordinario
previsto para finais deste mes no que instalará ao Concello a efectuar unha
revisión e intervención urxente no Pavillón Castelao II para arranxar as
deficiencias detectadas, frear o deterioro da estructura e salvagardar a
integridade física dos usuarios e viandantes.
José Luis Martínez Sanjurjo,
portavoz municipal do PP de Ordes, chama a atención sobre a desidia do Concello
respecto á situación de equipamentos municipais como o pavillón Castelao II.
“Alcalde e vicealcaldesa miran cara outro lado cando aparece algún problema e
semellan unicamente interesados en afianzar a rede clientelar que comezaron a
construír durante o pasado mandato, unha rede de favores que semella non
coñecer límites, como todo Ordes sabe logo da última contratación por parte de
unha concesionaria municipal, teledirixida polos máximos mandatarios a dedo”,
engade Martínez Sanjurjo.