sábado, 2 de agosto de 2014

O PP de Ordes urxe ao Concello a que arranxe e amplíe as áreas de estacionamento da vila antes das festas patronais do 15 de agosto


  • Aínda que o Pleno aprobou unanimemente en xuño, por proposta do PP, unha moción con medidas para superar as carencias actuais, o Concello nada fixo desde entón
  • O PP local tamén trasladou ao Pleno desta semana as deficiencias das baldosas das beirarrúas da rúa Mediodía, que provocaron a caída, e lesións, a unha persoa en datas recentes, e as deficiencias que presenta a iluminación na Avenida Alfonso Senra



Ordes, 2 de agosto de 2014.-  O Partido Popular de Ordes esixe ao Concello que materialice, antes das festas patronais do 15 de agosto, a moción aprobada unanimemente no Pleno municipal de xuño, por proposta do PP, para arranxar as deficiencias que presentan as escasas áreas de estacionamento dispoñibles na vila  -cheas de fochancas, con problemas de aceso e parcialmente invadidas pola maleza nalgún caso- , ademais de habilitar novas áreas de aparcamento.

Dado que a moción fixaba como horizonte temporal o 15 de agosto e que transcorrido máis dun mes desde a súa aprobación o Concello de Ordes nada fixo para impulsar a súa materialización, o PP local insiste na necesidade de retomar este acordo que non só beneficiaría aos veciños, senón tamén aos visitantes e, polo tanto, ao conxunto do comercio e a hostalería da vila. O Grupo Municipal do Partido Popular formulou un rogo neste sentido no Pleno ordinario celebrado o pasado xoves, nun novo intento de forzar ao executivo local a que materialice os compromisos adquiridos.

Beirarrúas en mal estado

No mesmo Pleno, o PP presentou outro rogo para reclamar ao Concello que arranxe os desperfectos que presentan as baldosas das beirarrúas da Rúa Mediodía, onde hai dúas semanas unha veciña sufriu unha caída, na que resultou lesionada,  por mor do mal estado do firme. Pide tamén o PP que o Concello revise a totalidade das beirarrúas da vila, dado o mal estado de moitos tramos utilizados a cotío polos veciños.

No mesmo pleno, o PP de Ordes reclamou tamén unha revisión e reparación integral dos puntos de alumeado público da Avenida Alfonso Senra, e noutras rúas do núcleo urbano de Ordes cunha dobre finalidade: mellorar a iluminación nocturna, e evitar desgrazas persoais derivadas de posibles desprendemos derivados do mal estado dos farois.