viernes, 1 de agosto de 2014

O Concello de Ordes amobla precipitadamente e cun ano de retraso o local social do Mesón do Vento logo de que o interventor advertise que se pagou a factura sen comprobar a execución dos traballos


  • Malia que o Concello aboou en 2013 unha factura por máis de 25.000 euros, sen licitación nin recepción dos traballos, os servizos municipais instalaron onte pola tarde 75 butacas no local cultural do Mesón do Vento horas antes de que o PP preguntase de novo polas irregularidades no Pleno municipal



Ordes, 1 de agosto de 2014.- Novas evidencias da xestión irregular do Concello de Ordes, que malia ter aboado no ano 2013 unha factura de 25.410 euros  en concepto de “1 ud. Equipamento e mellora dos locais culturais do Mesón do Vento”, sen que ata o de agora existise constancia material da execución de tales traballos, como deixou en evidencia o interventor municipal na relación de reparos que acompañan a Conta Xeral de 2013, onte pola tarde acabou instalando un total de 75 butacas no local social do Mesón do Vento.

O traslado precipitado deste material produciuse horas antes da celebración do Pleno Municipal no que o Grupo Popular volveu preguntar por esta irregularidade, que o PP considera extremadamente grave, dado que o propio interventor municipal advirte no seu reparo que  a factura foi aboada sen que foran fiscalizados os actos que deron orixe ás ordes de pagamento e que na xestión dese expediente se omitiron requisitos ou trámites esenciais. 

Ao  tratarse dun importe superior aos 18.000 euros, o contrato non debería ser de obra, senón  que se debería ter tramitado mediante un proceso de licitación que foi ignorado. E os feitos adquiren aínda maior gravidade na medida en que a intervención non foi avisada para a recepción da obra, polo que o pagamento se efectuou sen efectuar a correspondente comprobación material de execución dos traballos encargados.

Extracto do documento de reparos á Conta Xeral de 2013 do Concello de Ordes:




O equipamento destes locais teríase efectuado, segundo o confesado polo equipo de Goberno no Pleno de onte, con cargo a unha subvención da Xunta  para o amoblamento de locais sociais.

Outros antecedentes


Con ser grave e extrano, o sucedido no local social do Mesón do Vento non constitúe un feito novidoso para o equipo que lidera o alcalde de Ordes, que xa no ano 2008 aboou facturas para o equipamento do local social da parroquia de Buscás, equipamento que, polo de agora, continúa sen aparecer por ningures.