lunes, 14 de julio de 2014

O PP de Ordes rexeita a Conta Xeral de 2013 pola improvisación e a falta de rigor que caracteriza a xestión presupostaria municipal


  • Os ingresos reais foron un 31% inferiores aos orzamentados, o que revela falta de rigor na elaboración das contas

  • O Concello destinou a investimentos reais tan só un terzo do previsto en 2013, o que explica a caída do investimento por habitante, que pasou de 338€ en 2009 e tan só 141€ en 2013

  • Sen embargo, os veciños pagan cada vez máis impostos municipais, pasando de 226,88€/veciño en 2007 a 355,36€ en 2013

Ordes, 14 de xullo de 2014.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes votou hoxe en contra da Conta Xeral de 2013 deste Concello por estar en desacordo coa improvisación e a falta de rigor que caracterizan a xestión económica do Goberno local, pero tamén polo elevado endebedamento, que cun total de 6,6 millóns de euros de débeda vida (entidades bancarias) as que hai que engadir débedas a curto prazo, supón unha carga absoluta de 581,46€ de débeda por habitante, moi superior á media da comarca.

No pleno extraordinario celebrado esta mañá para someter á Corporación a Conta xeral do Concello de Ordes correspondente ao exercicio de 2013, o portavoz do PP local, José Luis Martínez, cuestionou a nula planificación presupostaria do municipio, caracterizada por constantes desaxustes. Como exemplo, apuntou que os ingresos reais do Concello de Ordes en 2013 foron un 30% inferiores aos presupostados, acreditándose  así a falta de rigor na elaboración das contas municipais, aprobadas por UXO, PSOE e CdG.

Só un terzo dos investimentos previstos

O voceiro do PP criticou que fronte á previsión inicial de destinar 4,4 millóns de euros a investimentos reais, previsión incrementada posteriormente ata os 5,4 millóns de euros, o exercicio de 2013 rematou cun investimento real de tan só 1,8 millóns de euros, é dicir, a terceira parte do presupostado.
Estes datos explican o  intenso retroceso experimentado polo investimento municipal medio por habitante en Ordes nos últimos anos, ao pasar de 338 euros no ano 2009, a tan só 141€/habitante en 2013.  Unha caída que, segundo avanzou o portavoz do Partido Popular, se manterá  no exercicio de 2014.

Sen embargo, os impostos que os veciños de Ordes pagan ao Concello aumentaron un 56,63% desde 2007, ao pasar dunha media de 226,88€/veciño en 2007 a 355,36€/habitante no pasado exercicio; e continuarán a facelo nas mans de Regos e Silvia Marín ata o ano 2022 se non se toman medidas importantes de contención do gasto corrente e refinanciación da débeda bancaria.

A situación descrita (brusca caída dos investimentos e crecente presión fiscal) é unha consecuencia directa do elevado endebedamento xerado polo Goberno de Regos desde comezos da pasada lexislatura  e que se traduce nunha débeda viva de 6.689.499,23 euros a 31-12-2013, cunha media en termos absolutos de 581,41€/habitante. “Unha herdanza envelenada que Regos lle lega a todos os veciños a cambio de nada”, afirmou Martínez Sanjurjo.

O alcalde debe explicar as irregularidades

O portavoz popular reclamou tamén ao alcalde que explique as irregularidades que pon de manifesto o informe do interventor municipal, como a ausencia de fiscalización dunha factura por traballos que deberían  ter sido licitados, o pagamento indiscriminado de complementos de produtividade e gratificacións sen xustificación concreta e a subvención outorgada e pagada polo Concello a un festival que nunca se celebrou.

Sen cartos para arranxar buratos, pero sí para festivais inexistentes


“O Concello afirma non ter cartos para arranxar os buratos das rúas e nas estradas, pero sorprendentemente paga facturas de festivais que nunca se chegaron a celebrar, cousas dun alcalde que afirma non ser covarde, pero cada día acumula máis razóns para escapar dos veciños aos que teme tanto como ignora”, conclúe Martínez Sanjurjo.