sábado, 12 de julio de 2014

O Concello de Ordes aprobou facturas en 2013 de traballos sen fiscalización previa e non avisou á intervención para comprobar a execución


  • O Concello subvencionou un festival nunca celebrado: suspendeuse catro días antes da data prevista
  • Nos reparos da Intervención á Conta Xeral de 2013, que somete a aprobación do Pleno o próximo luns, tamén se cuestiona o pagamento indiscriminado de complementos de produtividade e gratificacións sen xustificación concreta e motivada
  • O PP local cuestiona o absoluto abandono no que están sumidos os equipamentos públicos, malia que desde 2009 o Concello incrementou nun 55% os recursos por taxas e outros ingresos (cap. III) e nun 32% os ingresos impositivos (cap. I e II)
  • Ordes acumula unha débeda municipal de 581,46 €/habitante


Ordes, 12 de xullo de 2014.- Falcatruadas de xestión presupostaria en Ordes. É o que advirte a intervención municipal na relación de reparos que acompaña a Conta Xeral do Concello de Ordes correspondente ao exercicio de 2013 e que será sometida ao Pleno o vindeiro luns.

Así, a Intervención advirte da existencia de ordes de pagamento sen fiscalización previa nin licitación, malia que o importe e as características do traballo (dotación de equipamento nos locais municipais do Mesón do Vento por importe de 25.410 euros) así o esixían para cumprir coa normativa en vigor, Do mesmo xeito, a Intervención repara en que non foi avisada para a recepción, polo que non puido levar a cabo a comprobación material requirida neste tipo de procedementos.

Do mesmo xeito, desde o Concello de Ordes, e así o pon de manifesto a Intervención, “véñense concedendo no exercicio complementos de produtividade e gratificacións (algúns fixos no tempo) sen que conste xustificación concreta e motivada”.

Outro dos reparos denunciados no documento da Intervención cuestiona a concesión dunha subvención nominativa á denominada “Asociación Cultural polo Benestar”, aboada sen fiscalización previa da Intervención. Pero o máis grave é que o propio interventor “entende” que “non se efectuou a finalidade para a que foi concedida ´celebración do Festival Brincadeira´”.

O PP de Ordes seguirá a pista desta subvención en vindeiros plenos, como xa o fixo no pasado sen obter resposta do equipo de Goberno, dado que o Festival Brincadeira 2013 nunca se chegou a celebrar en Ordes. Estivo anunciado, pero foi cancelado catro días antes da data prevista para a súa celebración. “¿Con qué cara pode o alcalde de Ordes subvencionar un festival que nin sequera chegou a celebrarse, mentres as carencias dos veciños van a máis cada día e Regos escapa deles –das carencias e dos veciños- sempre que ten ocasión?”, pregunta José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes.

581 euros de débeda per cápita

O voceiro do PP de Ordes apunta que a Conta Xeral de 2013 reflicte os efectos da xestión temeraria de Regos, que xerou unha débeda millonaria que se traduce arestora en 581,45€ de débeda por cada habitante  Ordes ata sumar un total de 7.523.797,69€; aos que resta engadir os xuros financeiros pendentes ata xullo do ano 2022, co cal nos levan a un montante total de mais de 9 millóns de euros.

Con todo, ningún dos créditos solicitados polo Concello desde que Regos asumiu a Alcaldía se traduciu en vantaxes ou mellores equipamentos e servizos para os veciños. Pola contra, o derroche implicou notables subidas de impostos dos que tamén se fai eco a conta xeral: os ingresos impositivos do Concello de Ordes (cap. 1 e 2) medraron un 32,037% entre 2009 e 2013; e os ingresos correntes liquidados netos do cap. III (taxas e outros ingresos) aumentaron un 55,93% nese mesmo cuadrienio.