miércoles, 25 de junio de 2014

O PP de Ordes urxe ao Concello a executar un plan urxente de arranxo dos equipamentos públicos na vila


  • Demandará no Pleno desta semana que se acometan tarefas de mantemento e limpeza de beirarrúas e farois en diferentes puntos do núcleo urbano
  • Nun tramo da rúa Campeiras, a maleza chega ata o borde da calzada 
  • Defenderá tamén unha moción para instar ao Concello a habilitar novas áreas de estacionamento na vila e a arranxar as actuais


Ordes, 25 de xuño de 2014.- O Partido Popular de Ordes presentará no Pleno ordinario
previsto para este xoves unha batería de rogos encamiñados a impulsar o arranxo de equipamentos públicos necesitados de mantemento urxente, como beirarrúas e puntos de luz, que acusan o paso do tempo e a ausencia de atención por parte dos servizos municipais. Entre outros exemplos da necesidade dunha actuación inmediata, o Grupo Municipal Popular insta ao Concello arranxar os tramos de beirarrúas estragados nas rúas Campeiras e  Parque Municipal (nestes dous casos fronte a obras paralizadas desde hai tempo), a arranxar outro tramo da rúa Campeiras (nas dúas marxes), no que a maleza chega ata o mesmo borde da calzada;  e a repasar a totalidade dos traballos de revisión de arquetas efectuados na Rúa do Recreo, xa que continúan a presentar deficiencias, xerando constantes molestias como consecuencia da contaminación acústica derivada do tránsito de vehículos.

No referido ao alumeado público, o PP reclamará o arranxo e posta en servizo  dos farois estragados e fóra de servizo desde hai varias semanas na rúa Compostela; así como a revisión dos puntos de luz da rúa Alfonso Senra, algún dos cales presenta incluso risco de desprendemento.
Paralelamente, o Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes defenderá unha moción para instar ao equipo de Goberno a habilitar novas áreas de estacionamento no centro da vila e a arranxar as dispoñibles na actualidade, moi deterioradas polas fochancas e a ausencia de mantemento axeitado.

Outros rogos:

  • Instar á empresa encargada da recollida do lixo a colocar os contedores nos elementos de suxeición instalados a tal efecto.
  • Dado que as recentes chuvias provocaron problemas na evacuación de pluviais pola acumulación de restos vexetais triturados procedentes dos traballos de desbroce, instar aos operarios encargados deste traballos a mellorar a técnica empregada, efectuando tamén o mantemento de taxeas e cunetas da rede viaria municipal.
  • En datas recentes, unha empresa dedicada á minería aproveitou o mineral existente no subsolo dun predio de titularidade municipal  situado na parroquia de Barbeiros, sen que exista constancia da concesión de aproveitamento. Por iso, o PP pide información sobre a cantidade percibida polo Concello e sobre o acordo que permitiu a ocupación, remoción e aproveitamento do subsolo.
  • O proxecto de execución do muro e beirarrúa elevada da piscina municipal do campo da feira, financiado pola Xunta a finais de 2011, contemplaba a execución dunha cafetería da que polo de agora non se teñen noticias. Transcorridos máis de dous anos desde entón, o PP pide información sobre a hipotética modificación do proyecto.
  • Reitérase a petición de efectuar o mantemento integral de todas as “illas verdes” existentes nas diferentes parroquias de Ordes, antes de que a deterioración que presentan resulte irreversible.
  • Rogo para que o Concello desbroce as vías paralelas aos terreos de ADIF na parroquia de Lesta e que na actualidade están pechadas pola maleza. Estas pistas dan acceso a predios rústicos situados ao carón da trazado de alta velocidade ferroviaria.
  • Rogo para que o Concello informe sobre as previsións para cubrir a praza de conserxe no CEIP Campomaior, que quedou vacante por xubilación.
  • Rogo para que se informe dos pasos a seguir por parte do Concello na praza do mercado local logo de que se rexeitara o recurso de unha praceira.