martes, 17 de junio de 2014

O PP de Ordes reclama ao Concello que habilite novas prazas de estacionamento na vila para suplir as carencias actuais

  • A construción dos baixos da Alameda, e cun custe millonario, privou aos veciños de preto dun cento de prazas no centro da vila, sen que o Concello habilitase alternativas
  • Os escasos estacionamentos dispoñibles actualmente, como o da rúa Compostela e outros, están cheos de fochancas sen que o Concello interveña para arranxar as deficiencias
  • Habilitar novos aparcamentos reduciría incomodidades aos condutores, pero reportaría tamén beneficios ao comercio local




Ordes, 17 de xuño de 2014.- A vila de Ordes presenta unha seria carencia de prazas de estacionamento de vehículos. Lonxe de aportar solucións, o actual equipo de Goberno limitouse a reducir aínda máis a oferta dispoñible, como sucedeu coa construción dos baixos da Alameda, un proxecto que seis anos despois de ser executado segue sen reportar beneficios aos veciños,  malia que o seu custe millonario incrementou a débeda municipal e furtou a residentes e visitantes de preto de 100 prazas de aparcamento no centro da vila.

Á vista desta carencia, o Partido Popular de Ordes no vindeiro Pleno municipal instará ao Concello para que habilite áreas de estacionamento na vila. Argumenta o PP local que, cunha xestión intelixente por parte do Concello, podería resultar doado habilitar novos espazos de aparcamento en áreas céntricas, o que se traduciría en maiores comodidades para os condutores, pero tamén en beneficios para o comercio local.

Recordan que Ordes é cabeceira dunha extensa comarca na que residen 30.000 habitantes, e que unha axeitada oferta de aparcamento beneficiaría directamente aos negocios da vila. “Se alguén ten que percorrer varios centos de metros coa compras ao lombo, como sucede actualmente, o máis probable é que desista a merque noutro lugar con máis facilidades para aparcar”, argumenta José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do PP de Ordes. 

Poucos aparcamentos e nun estado calamitoso

Ademais, o PP de Ordes reclamará que o Concello arranxe o deficiente estado de conservación das áreas de aparcamento libre, cedidas por propietarios particulares. Poñen como exemplo, os buratos que presenta o aparcamento da rúa Compostela, tanto nos seus accesos, como na explanada de estacionamento  que dificultan o seu uso ao tempo que supoñen un risco para a integridade dos vehículos que o utilizan. Pero esta situación repítese noutras áreas similares existentes na vila.


Martínez Sanjurjo conclúe que “vendo a realidade, semella que o alcalde de Ordes vive nun mundo de Yupi, xa que en lugar de preocuparse de arraxar os problemas reais, levita ocupado en asuntos que a ninguén interesan, como o alugueiro da estación da Pontraga, que custa máis de 1.000 euros anuais a todos os veciños, ou o amoblamento do novo salón de actos do Concello”, sinala