domingo, 1 de junio de 2014

Unha nova chapuza municipal provoca riscos para os viandantes nas rúas de Ordes




·     Arquetas eléctricas sen selar poñen en risco a integridade física dos viandantes na vila

·     A mala execución das obras, consentida polo Concello e contratadas xeralmente con empresas “do círculo pechado” do alcalde, “atenta non só contra o patrimonio municipal, senón que poñen en risco a integridade física dos veciños”, afirma José Luis Martínez Sanjurjo


Ordes, 31 de maio de 2014.- Chapuza ou neglixencia. A substitución de farolas efectuada o ano paso en diferentes rúas de Ordes ao abeiro dunha liña de axudas da Xunta de Galicia para o aforro enerxético saldouse con múltiples arquetas eléctricas baleiras e sen selar que supoñen un elevado risco para os peóns, especialmente para os nenos e maiores do noso municipio, segundo denuncia o PP local.

Ben como consecuencia da súa xestión chapuceira, ou ben por unha neglixencia, o Concello non ocluíu as arquetas das antigas farolas. Limitouse a tapar os buratos con losetas mal selladas que co paso do tempo acabaron rompendo, como sucedeu na rúa do Recreo e acredita a fotografía adxunta, tomada este mesmo sábado.

A maiores, o Partido Popular denuncia o deficiente estado de conservación que presentan a maior parte das beirarrúas da vila de Ordes, con losetas mal colocadas ou soltas que co paso do tempo acaban escachando, co conseguinte risco para os usuarios da vía pública. Na zona de Vista Alegre (fotografía adxunta) poden apreciarse as consecuencias da pésima execución dos traballos executados por encargo do Concello. Chama a atención que as losetas orixinais presentan moito mellor estado de conservación que as novas.

O alcalde alenta as chapuzas

A mala execución das obras, consentida polo Concello e contratadas xeralmente con empresas “do círculo pechado” do alcalde, “atenta non só contra o patrimonio municipal, senón que poñen en risco a integridade física dos veciños”, argumenta José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes. O voceiro popular desvela que no Concello se acumulan reclamacións patrimoniais de usuarios por danos nos seus vehículos como consecuencia do pésimo estado de conservación da maior parte da  rede viaria municipal e agora cabe a posibilidade de que as fochancas nas beirarrúas provoquen lesións aos veciños, o que xeraría novas demandas.

O Partido Popular reclamará a vindeira semana o proxecto de substitución de farolas executado en Ordes para comprobar que solución contemplaba para as  arquetas dos anteriores puntos de luz. Con todo, considera que o sucedido é responsabilidade directa do alcalde e do seu concelleiro de obras, ben por consentir e alentar unha execución neglixente das obras, ben por non contemplar unha solución que evitase riscos como os que padecen agora o os usuarios das rúas que presentan arquetas baleiras e sen selar.