- O portavoz do PP condicionara un hipotético apoio dos populares ao proxecto a que se consignasen partidas para as principais carencias do municipio, pero tales achegas non figuran por ningures
- O Informe da Intervención advirte que se presupostan cifras ficticias, na medida en que figuran como ingresos subvencións das que non consta a súa concesión
- En lugar de poder impulsar un plan de investimentos que reactive a economía local, Ordes debe adicar ao pago de xuros o equivalente ao 61% dos investimentos reais municipais
Ordes, 16 de maio de 2014.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes votou esta
mañá en contra dos Orzamentos deste concello para o ano 2014, por entender que
o documento orzamentario presenta desequilibrios entre ingresos e gastos, e non
atende as principais necesidades dos veciños.
O
portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, condicionara un
hipotético apoio aos orzamentos a que nestes se consignasen partidas económicas
para financiar actuacións básicas e necesarias, como o mantemento e limpeza da
rede viaria municipal (integrada por unha trama de 1.600 kms de pistas e
camiños, entre asfaltados e sen asfaltar, que canto máis se demore o seu
arranxo, máis de deteriorarán), a mellora integral da sinalización integral da
vila (apenas visible nalgúns puntos) ou a necesidade de buscar
autofinanciamento para servizos moi deficititarios, como a radio municipal ou o
Museo do Traxe, que lastran as arcas públicas.
A
estas carencias, o PP suma outras eivas, como a falta de nivelación dos
Orzamentos, que consignan como ingresos posibles futuras subvencións sobre as
que non existe constancia algunha de concesión, tal e como advirte o informe
elaborado pola Intervención Municipal.
Martínez
Sanjurjo destacou tamén que o Presuposto municipal de Ordes para 2014 foi tramitado
un ano mais con retraso, xa que debería ter sido presentado ao Pleno antes do
remate do ano 2013, e sinalou que o texto está lastrado pola débeda xerada polo
Executivo que dirixe Manuel Regos, e que impide executar un plan de
investimentos que podería contribuír a reactivar a economía local. Calcula o PP
que Ordes pagará en xuros polos créditos pendentes o equivalente ao 61% do
investimento real directo programado con fondos municipais.
Suba xeneralizada de impostos
Criticou
tamén o voceiro popular a “suba xeneralizada de impostos” consolidada nos
Orzamentos municipais de 2014, consecuencia do “catrastrazo” impulsado por
Regos en 2012, da nova ponencia de valores do exercicio 2013, pero tamén
do aumento de outras taxas por enriba do
IPC.
“Ordes
é hoxe o fiel reflexo das políticas impulsadas por políticos neglixentes na
xestión dos fondos públicos. Mágoa que, como acontece sempre, os damnificados
sexan os cidadáns, as veciñas e veciños do noso municipio, que nada teñen que
ver cos caprichos megalómanos dun alcalde que pensa que os cartos públicos non
son de ninguén ”, afirmou Martínez Sanjurjo.