martes, 27 de mayo de 2014

O PP de Ordes agradece o apoio electoral e promete redobrar esforzos para as municipais de 2015

Ordes, 26 de maio de 2014.- O Partido Popular de Ordes agradece o respaldo electoral acadado nas Eleccións ao Parlamento Europeo do pasado domingo, no que foi depositario do 40,98% dos sufraxios emitidos, duplicando en apoios á seguinte candidatura, o PSOE, que acadou o 20,08% das papeletas.

Con todo, o PP de Ordes fuxe de calquera interpretación triunfalista, e  considera preciso facer autocrítica con carácter xeral para tratar de corrixir erros, e analizar de forma particular a baixa participación rexistrada nestes comicios.

O PP local promete redobrar esforzos de cara ás vindeiras Eleccións Municipais, previstas para dentro de un ano, nas que tratará de explicar á totalidade dos veciños a súa alternativa de Goberno para Ordes, centrada nas carencias e problemas dos veciños e alonxada das decisións irresponsables que teñen caracterizado os sete anos de mandato do actual alcalde e que situaron a este municipio entre os máis endebedados de Galicia a pesar de ofrecer servizos de peor calidade que a media. 

O PP de Ordes agradece todos os apoios recibidos, pero recoñece tamén o esforzo desinteresado desenvolvido durante as últimas semanas por un amplo equipo de militantes e simpatizantes da formación, que colaboraron co comité de campaña.


Ao mesmo tempo, e á vista dos resultados deste domingo, acredítase que o apoio prestado polo Executivo local á campaña do PSOE non provocou os efectos agardados polo alcalde de Ordes.