- Malia que se aporten outros argumentos, detrás da devolución da factura de marzo a Sogama agóchase tamén a bancarrota do Concello, xerada por unha xestión irresponsable que sumou mais de 9 millóns de débeda
- Ordes practicamente duplica á media de Galicia en débeda por habitante
Ordes, 14 de maio de 2014.- O Concello de Ordes oculta aos veciños as
verdadeiras razóns que se agochan detrás da devolución da factura de Sogama
correspondente ao pasado mes de marzo.
Máis aló dos argumentos
aportados oficialmente polo Concello, o Partido Popular recorda que a
bancarrota xerada polo Executivo que preside Manuel Regos fixo que este xa deixara
de pagar facturas de Sogama durante varios meses dos anos 2010 e 2011, xerando entón
unha débeda total de preto de 250.000 euros. En agosto de 2012, Concello de
Ordes e Sogama asinaron un acordo encamiñado a liquidar esa débeda, que se
continúa saldando a día de hoxe e que obrigará ao Concello a efectuar un
desembolso de 138.009,42 euros no ano 2014, e deixando aínda pendente a contía
de 42.806,68 euros para 2015 con esa mesma finalidade.
Así pois, a devolución da
factura de Sogama é tamén unha nova mostra da política de non pagar as súas
facturas por parte do goberno do Concello de Ordes, contrastado o feito polas
facturas aínda pendentes de pago, e non unicamente aos argumentos vitimistas
que o alcalde esgrime para eludir a súa responsabilidade, pois a suba do canon
afecta a todos os Concellos aos que lle xestiona o lixo Sogama por igual.
“En lugar de gastar os cartos
dos veciños en pancartas e revistas, o alcalde debería poñer todas as contas en
orde, contar a verdade aos veciños e recoñecer que o burato financeiro que el
mesmo xerou a partir do verán de 2007 no Concello condicionará as inversións
nos próximos anos”, afirma o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes,
José Luis Martínez Sanjurjo.
Ordes case duplica en débeda por veciño á media dos concellos galegos
A día de hoxe, o Concello de
Ordes acumula unha débeda viva total de 6,36 millóns de euros, aos que hai que
sumar débedas con outras administracións (Sogama, Estado), e os importes dos
xuros dos préstamos bancarios que remataremos de aboar no ano 2022.
Tan só esta débeda viva (é
dicir, a contraída coas entidades bancarias) implica a cada veciño de Ordes ter
que responder por 500 €, co que practicamente se duplica á media de Galicia,
situada en 260 €/habitante.