lunes, 21 de abril de 2014

O PP de Ordes reclama unha comisión de investigación en relación coas presuntas facturas falsas da escola infantil municipal


·     Martínez Sanjurjo reclamará a creación desta Comisión no vindeiro Pleno, para a que pide o apoio unánime da Corporación, xa que unha acusación de tanta gravidade só se pode afrontar con transparencia

·     “Os veciños teñen dereito a saber a verdade, e unha nova negativa sería interpretada como unha admisión de culpabilidade por parte do alcalde”, afirma o portavoz do PP


Ordes, 17 de abril de 2014.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes reclamará, no vindeiro Pleno, a inmediata constitución dunha comisión de investigación en relación coas facturas presuntamente falsas que a empresa concesionaria da escola infantil municipal tería presentado para cadrar as contas do exercicio de 2010.

O importe facturado de maneira irregular tería ascendido, supostamete, a 20.000 euros, segundo a información publicada recentemente tomando como base investigacións do Servizo de Vixiancia Aduaneira (SVA) nun procedemento no que está imputada a tenente de alcalde de Ordes, Silvia Marín.

A gravidade destas informacións esixe a inmediata constitución dunha comisión de investigación xa que, en opinión do portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, a cuota de sospeita que pesa sobre o Concello só se pode afrontar con “transparencia e facilidades absolutas para coñecer o sucedido”.


Os riscos do alcalde se veta a comisión de investigación

“Os veciños teñen dereito a saber a verdade, e unha nova negativa sería interpretada como unha admisión de culpabilidade por parte do alcalde, que como responsable de canto sucede no Concello, ten a obriga de dar a cara e ofrecer unhas explicacións que polo de agora, non ten facilitado”, agrega o portavoz dos populares ordenses.

Martínez Sanjurjo agarda contar co apoio dos restantes grupos da Corporación para poder constituír á maior brevidade unha comisión especial para a investigación sobre as facturas da concesionaria da gardería municipal, ao tempo que confía de que tanto o alcalde como a súa número dous cambien de actitude e “permitan que os veciños de Ordes podan coñecer a verdade, porque ata o de agora se esforzaron -e hai que recoñecer con éxito-, en ocultar todos os aspectos cuestionables da súa xestión”.


Sen prexulgar


Ao solicitar a comisión de investigación non prexulgamos a ningúen: se o Concello xestionou con neglixencia deberá responder política e xudicialmente; e se a mala praxis foi só da empresa haberá que actuar en consecuencia. Pero o que está claro é que hai que actuar”, conclúe José Luis Martínez.