miércoles, 26 de marzo de 2014

O PP de Ordes pide ao Concello que limite o tránsito de camións pesados polo centro da vila, acentuado tralo peche da estrada de Mercurín


·     O PP reclama un informe sobre a actividade do guindastre municipal



Ordes, 26 de marzo de 2014.-  O Partido Popular de Ordes reclamará no Pleno ordinario desta semana que o Concello  tome cartas no asunto para limitar o tránsito de camións de máis de 5,5 toneladas polo centro da vila, unha situación que se ten agudizado nas últimas semanas tras a decisión do Goberno local de pechar ao tráfico pesado a estrada de Mercurín.

Coa entrada en servizo da rolda leste, boa parte do tráfico pesado que ata entón circulaba polo centro da vila, pasou a transitar por esa circunvalación, pero a limitación de uso da estrada de Mercurín devolveu boa parte desa flota  ás rúas da localidade.

Recorda o Partido Popular que o peche desa estrada é unha decisión arbitraria do Goberno local, que en lugar de asumir as súas responsabilidades e velar polo bo estado dos equipamentos públicos, optou por unha medida de presión que se volveu en contra dos interese veciñais, ao devolver o tráfico pesado á vila.

O deterioro desa estrada, de titularidade municipal, é consecuencia de anos de desleixamento e de falta de mantemento nunha época na que o Concello xerou unha débeda de ata 9 millóns de euros en equipamentos de dubidosa utilidade (baixos da Alameda, cafetería VIP na Cidade Deportiva, novo Concello,...) mentres deixou de investir en obras necesarias.

Outras demandas

No Pleno ordinario que se celebra este xoves no Concello de Ordes, o Grupo Municipal do Partido Popular formulará tamén os seguintes rogos:

·    Podar os arbustos ornamentais que dificultan a visibilidade  a altura da intersección da Rúa da Reverencia coa Rúa Vista Alegre.

·  Colocar unha placa identificativa da Rúa República Arxentina no entronque con Alfonso Senra (N-550), desaparecida  cunhas recentes obras acometidas nesa zonas.

·   Efectuar labores de rebacheo e mantemento  das cunetas no vial que discorre polo lugar de Blanca e comunica Senra con Outeiro, na parroquia de Poulo.

·   Retomar as obras de mantemento do vial que enlaza Mesón do Vento co Seixo.

·   Que os días de feira (mércores), unha vez rematada a actividade comercial, manter o vaiado que limita o estacionamento na zona de mercado mentres o persoal de limpeza efectúa a recollida de residuos. Desde hai un tempo, ese peche perimetral retírase antes de tempo, o que dificulta o traballo dos operarios por mor do tráfico rodado.

O Partido Popular reclamará tamén un informe sobre a actividade do guindastre municipal e o importe recadado por este servizo.