martes, 25 de marzo de 2014

O Concello de Ordes tarda catro anos en poñer en servizo o novo depósito de auga potable


·  A infraestrutura estivo fóra de servizo todo o tempo porque o Concello se “esqueceu” de mercar os terreos necesarios para conectar o depósito á rede de abastecemento


Ordes, 25 de marzo de 2014.-  O Concello de Ordes tardou catro anos, desde o remate das obras, en poñer en servizo o novo depósito de auga potable de Merelle, por unha mala planificación municipal, xa que o proxecto foi executado sen dispoñer dos terreos necesarios para conectar a instalación da rede de distribución.

O feito de que o Concello de Ordes se esquecese, no seu momento, de adquirir os terreos necesarios para efectuar a conexión, traduciuse en catro anos de carencias para os veciños. A insuficiente capacidade de almacenamento dos antigos depósitos de auga potable veu provocando, ata o de agora, problemas tanto no inverno (augas turbias nas billas como consecuencias das enchentes)  como no verán, ao descender o caudal do río do que se abastece a capital municipal.

A desidia do Concello de Ordes á hora de poñer en servizo o novo depósito de auga potable, deseñado para dar servizo ao conxunto da vila, contrasta coa rapidez coa que o Goberno local actuou executando outras actuacións como os baixos da Alameda ou o novo edificio do Concello, que ningún veciño demandou e supuxeron a dilapidación dun enorme volume de recursos públicos.

Reunións cos veciños


Por outra parte, o Partido Popular de Ordes continúa a rolda de reunións cos veciños das diferentes parroquias do municipio. As próximas están previstas en Beán (venres 28 de marzo ás 21,30 horas na antiga casa reitoral) e en Barbeiros (domingo 30 ás 12,00 horas no local social da escola do Cruceiro).