viernes, 28 de febrero de 2014

Martínez Sanjurjo: “O alcalde é responsable de canto ten sucedido neste Concello, porque é o artífice da rede clientelar montada en Ordes”


  • O portavoz municipal do Partido Popular defendeu no Pleno deste xoves  unha moción para instar ao Concello a publicar na web municipal todos os contratos municipais, e que lamentablemente non foi aceptada pola corporación

  • “Non imos darlle un voto de confianza nin unha patente de curso, porque os veciños están fartos da súa prepotencia -díxolle ao alcalde-, da súa estratexia de ocultación e engano; e  da súa forma de xestionar os recursos públicos”, afirmou Martínez Sanjurjo

Ordes, 28 de febreiro de 2014.- “Alcalde e a vicealcaldesa de Ordes son escravos da declaración da tenente de alcalde e deben  responder por ela. Lamentablemente, xa están a responder ante a Xustiza, pero deben  facelo tamén ante esta Corporación e ante os veciños”. Así o afirmou o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez, no pleno celebrado na noite deste xoves, no que defendeu unha moción encamiñada a transparentar a xestión municipal, mediante a publicación, na web do Concello, de todos os contratos da administración local; a cal non foi aceptada pola corporación, feito que lamenta e que é unha nova mostra do proceder dun goberno que prefire traballar na sombra, sempre de costas á realidade que demanda a inmensa maioría da cidadanía.

Malia as manobras encamiñadas a tratar de desvincular ao rexedor  das presuntas irregularidades investigadas no Concello de Ordes, Martínez Sanjurjo amósase convencido de que “o alcalde é igual de responsable de canto ten sucedido neste Concello, porque é o artífice dunha rede clientelar montada en Ordes desde que accedeu á Alcaldía”.

Nin voto de confianza, nin patente de corso

O portavoz popular deixou claro que se ben, en ningún caso pretenden suplantar á actuación da Xustiza, “non imos darlle un voto de confianza nin unha patente de curso, porque moitos veciños están fartos da súa prepotencia -dixo, dirixíndose ao alcalde-, da súa estratexia de ocultación e engano; e da súa forma de xestionar os recursos públicos”.

Falta de respecto aos veciños

Da declaración xudicial atribuída á tenente de alcaldesa e publicada en datas recentes nos medios de comunicación, o portavoz popular cuestionou que sinalase que “a veces digo que en este país aún no hay crisis suficiente (...) a veces te veías y deseabas para encontrar a alguien”. Ante esta afirmación, o voceiro popular preguntou como unha persoa responsable pode dicir tal cousa nun concello coma Ordes, con familias enteiras e centos de persoas angustiadas por carecer dun posto de traballo.

Respecto á declaración na que afirmou que na política local “no te sacas al vecino de encima”, Martínez Sanjurjo apuntou que a tenente de alcaldesa “recoñeceu explicitamente o que xa sospeitabamos: que lle molestan os veciños e que só lle interesan á hora de pedírllelo voto”.

Antes de concluír a súa intervención, o voceiro municipal dos populares ordenses instou á tenente de alcaldesa a recoñecer os seus erros, pedir desculpas aos veciños, e que sopese presentar a súa dimisión por corresponsabilidade ética co seu cargo.

Pista de Morgade

Tamén no pleno de este xoves, o concelleiro popular José Manuel Gestal defendeu unha moción que contou co respaldo unánime da corporación, en virtude do cal se acordou un arranxo urxente dos desperfectos na pista que comunica o Mesón do Vento con Morgade, e a redacción dun proxecto de obras para a posterior inclusión da mesma nun plan de obras que contemple a súa mellora e ampliación.