viernes, 31 de enero de 2014

O PP de Ordes rexeita a cesión da estrada de Cerceda á Xunta e apunta que o único traspaso que precisa o Concello é o da Alcaldía


·     José Luis Martínez recorda que o deterioro da vía leva anos xestándose e que xa se puido ter reparado coas inxentes sumas que o alcalde derrochou en obras innecesarias como os baixos da Alameda, a cafetería VIP  da cidade deportiva ou o novo Concello


Ordes, 31 de xaneiro de 2014.- O Partido Popular votou en contra no pleno de onte da proposta de Alcaldía de ceder, sen abordar previamente o asunto por outras vías, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta a titularidade da estrada que enlaza Ordes con Cerceda (tamén coñecida como estrada de Mercurín), así como o tramo da Rolda Leste, atravesando o parque empresarial ata a AC-524, tramo este de recente execución, por entender que con esta iniciativa o equipo de Regos só busca desviar a atención sobre a súa responsabilidade en relación coa mal estado que presenta este vial.

Recordou o portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, José Luis Martínez, que o mal estado do vial leva anos xestándose e que durante ese tempo o Concello puido ter adoptado medidas para frear a deterioración da capa de rodadadura, sen chegar á situación actual, na que a estrada presenta tramos repletos de fochancas que dificultan a circulación. Trouxo o portavoz popular a colación no transcurso do debate, que alomenos en dúas ocasións se brindou ante o goberno local, negociar a concesión de unha axuda por unha contía máis acaída aos tempos que corren, sendo rexeitada esta medida polo alcalde.

O problema de Ordes é o alcalde, non a titularidade da estrada

Neste sentido, Martínez Sanjurjo matizou que máis que a cesión da titularidade dunha estrada, “o que os veciños de Ordes precisan realmente é a cesión da Alcaldía, de maneira que Regos deixe paso a unha persoa capaz e valente, que xestione os desafíos que o  Concello ten plantexados, en lugar de agocharse, escapar dos problemas e tratar de mirar a outro lado co fin de buscar sempre culpables foráneos, tratando de ocultar que o verdadeiro responsable da situación actual é el mesmo”.

Recorda, Martínez Sanjurjo que as inxentes sumas económicas derrochadas por Manuel Regos en proxectos de escasa ou nula utilidade para o pobo, como a ampliación da Alameda, a cafetería VIP da cidade deportiva ou o novo Concello poderían ter servido para financiar actuacións de primeira necesidade, e demandadas polos veciños como a estrada de Mercurín, e tantas outras que presentan un estado calamitoso por mor da deixación de responsabilidades do alcalde.

“Se o argumento para dar en cesión a estrada de Mercurín é o seu mal estado, a este paso, corremos o risco de entrar nunha dinámica perigosa que nos leve a propoñer a cesión de todo o Concello, dada a penosa situación na que se atopan a maioría das infraestruturas e equipamentos de titularidade municipal”, conclúe o voceiro popular.