jueves, 14 de noviembre de 2013

O PP de Ordes vota en contra das ordenanzas fiscais de 2014 e desvela tratos discriminatorios nos impostos municipais



·     Bens situados na mesma rúa da vila e con idéntico aproveitamento urbanístico reciben un trato diferenciado na ponencia de valores impulsada polo Concello para subir o IBI

·     O PP tamén denuncia casos de incrementos do IBI superiores ao 100% para veciños que acaban de construír ou adquirir a súa primeira vivenda e teñen que facer fronte a hipotecas de máis de 30 anos

·     Martínez Sanjurjo afirma que as propostas do alcalde “ofenden a intelixencia dos veciños”

Ordes, 14 de novembro de 2013.- O Grupo Partido Popular de Ordes votou hoxe en contra da modificación das ordenanzas fiscais municipais para o ano 2014 por entender que a proposta trasladada polo Alcalde ao Pleno extraordinario celebrado esta mañá “ofende á intelixencia dos veciños”, en palabras de Martínez Sanjurjo, na medida en que trata de ocultar unha subida xeneralizada dos tributos de maior recadación, con conxelacións e reducións que o Goberno local nin sequera é capaz de cuantificar.

O portavoz municipal do PP, José Luis Martínez Sanjurjo, denunciou que a política fiscal do Concello de Ordes é discriminatoria, e puxo como exemplo que a ponencia de valores que serve de base para a subida do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o novo texto da ordenanza fiscal número 1, acordos de notificacións de valores xirados a tódolos obrigados tributarios logo da decisión impulsada unilateralmente polo Concello, e que trata de maneira diferente a bens situados na mesma rúa da vila e con idéntico aproveitamento urbanístico. É dicir, bens de idénticas características pagarán impostos diferentes por unha incorrecta revisión e planificación municipal dos traballos técnicos, e que en consecuencia converte a ponencia en totalmente arbitraria.

Subas do 100% para hipotecados a máis de 30 anos

E denunciou tamén o portavoz popular que se ben a media dos recibos do IBI subirán un 53% en 10 anos (2014-2023), existen contribuíntes que deberán facer fronte a subidas no mesmo período superiores ao 100%.  Os afectados son, na maior parte de estes casos, veciños que acaban de construír ou adquirir as súas primeiras vivendas e que ademais deben facer fronte a hipotecas de máis de 30 anos, co que a subida do IBI supón unha penalización adicional dificilmente soportable.

Na súa intervención durante o Pleno extraordinario, convocado para as 08,30 horas deste xoves, o portavoz municipal do PP enumerou tamén a longa nómina de erros detectados na nova ponencia de valores, que acumula xa mais de 800 reclamacións ou recursos de reposición, ademais das 160 notificacións erróneas enviadas e finalmente corrixidas.

Martínez Sanjurjo enmarcou estes erros no desleixo do alcalde, que “non le o que asina”, como quedou de manifesto entre a proposta inicial e a definitiva de modificación das ordenanzas fiscais remitidas aos grupos políticos municipais, e que contemplaba unha suba do 15,4% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), subida que foi anulada tras a denuncia en comisión do PP e que o Concello achacou a un erro.

Apunta tamén o PP que a taxa por recollida de lixo subirá en 2014 un 5,3% (2,4 puntos por riba do IPC) e afectará a máis do 95% dos bens inmobles do Concello.

José Luis Martínez Sanjurjo atribúe a subida de impostos impulsada por Regos ao delicado estado das arcas públicas municipais, lastradas  por unha débeda a longo prazo de 5 millóns de euros, aos que se suma dende xuño de 2012 o crédito de 2,8 millóns de euros correspondente ao Plan de Pago a Provedores.

Martínez Sanjurjo tamén cuestionou as trabas do alcalde á hora de incluír bonificacións no IBI para a totalidade das explotacións agrarias, ou  a negativa a buscar o xeito de bonificar o IBI das vivendas titularidade de persoas con discapacidade.

“Desde o Partido popular nada temos que obxectar a que se libre do imposto de circulación aos vehículos con máis de 25 anos ou se conxelen os tipos en varias das ordenanzas fiscais, pero pareceríanos mellor e moito máis xusto que se bonificase o IBI das explotacións agrarias, das vivendas nas que residen persoas con discapacidade, ou as que non contan con servizos municipais adecuados; e en especial que se tratase a todos os contribuíntes por igual, sen discriminación algunha”, afirmou Martínez Sanjurjo.

O portavoz popular rematou a súa intervención reclamando do Concello “equidade para todos, concepto que vostedes non comprenden, non entenden porque, quizais, non lles interesa”.