·
Presentará unha moción “de mínimos” no Pleno coa
intención de que sexa apoiada polos restantes grupos
·
Faise necesario manter en óptimas condicións o firme e as
cunetas da rede viaria, polo que non se pode seguir consentindo que certas labores
agrarias estraguen estas infraestruturas
·
Preténdese que as empresas madeireiras soliciten autorización ao Concello antes de utilizar a
vía pública para os traballos de extracción, permiso que sería de balde cando
non se produzan danos
·
O PP considera que unha ordenanza reguladora sería
beneficiosa para os veciños, para as empresas e para o propio Concello
Ordes, 26 de novembro de 2013.- Á vista dos múltiples estragos que presentan a cotío o firme e as cunetas da
rede viaria municipal -e sirvan como exemplo os rexistrados fai menos de un ano
nalgunhas pistas da zona de concentración parcelaria de Beán-Pereira como
consecuencia da masiva extracción de madeira-, o Partido Popular de Ordes
proporá a elaboración dunha ordenanza sobre o uso e mantemento das vías
públicas, que regule tamén as actividades relacionadas coas labores agrarias e a
extracción de madeira nos montes e espazos forestais deste municipio.
José
Luis Martínez Sanjurjo, portavoz municipal do Partido Popular, entende que esta
ordenanza debería elaborarse por consenso e a tal efecto presentará no vindeiro
pleno municipal unha moción “de mínimos”, que agarda sexa apoiada polas
restantes formacións representadas na Corporación municipal.
A
ordenanza que o Partido Popular pretende sacar adiante sería de aplicación para
actividades particulares, así como para as realizadas por empresas e autónomos
do sector agrario e forestal.
Liñas básicas
As
liñas básicas que debería contemplar a ordenanza reguladora do uso das vías públicas para as actividades
relacionadas coa extracción de madeira no concello de Ordes serían as
seguintes:
- Toda
empresa que se dispoña a realizar
actividades de corta e extracción de madeira no municipio de Ordes deberá
solicitar autorización de uso das vías de titularidade municipal ao Concello,
cunha antelación mínima de 10 días naturais, especificando as vías públicas que
ten previsto utilizar para almacenar e/ou transportar a madeira e a duración
prevista dos traballos. En ausencia de resposta, a autorización entenderase
como concedida.
- No momento
de formular a solicitude, a empresa comprometerase a reparar calquera dano que
poda ocasionar nos equipamentos públicos
e a retirar calquera residuo que poda xerar a súa actividade nas vías e espazos
utilizados.
- Recibida a
solicitude da empresa, o Concello elaborará un informe sobre o estado previo
das pistas e estradas que se teña previsto utilizar para os traballos. Ese
informe estará a disposición da empresa que solicite o uso do espazo público para os seus traballos. Durante a
execución dos mesmos, os servizos municipais comprobarán que as empresas usan
realmente os espazos para os que se solicitou autorización.
- Rematados
os traballos de corta, almacenamento e transporte, o Concello inspeccionará o
estado dos espazos públicos utilizados. No caso de que estes sufrisen danos, a
empresa responsable autopromoverá ou sufragará a reparación dos desperfectos
ocasionados, e de non facelo poderá ser sancionada.
- As
empresas que executen os traballos sen causar danos aos equipamentos públicos
non aboarán taxa algunha pola tramitación das autorizacións de uso dos espazos
públicos.
- A
ordenanza incluirá unha táboa sancionadora para as empresas que non soliciten a
autorización de uso das vías públicas para os traballos regulados nesta
ordenanza.
A
ordenanza tamén deberá contemplar un código de boas prácticas, encamiñado a manter
en óptimas condicións o firme e as cunetas da rede viaria municipal creada logo
dos procesos de concentración parcelaria, en especial naquelas parcelas con
fronte a pistas e que non foron dotadas de accesos con tubaxe. Nalgúns destes
casos, o laboreo dos predios foi eliminando as cunetas necesarias para a
evacuación da auga da choiva, co conseguinte deterioro da pista.
Beneficioso para todos
O
Partido Popular considera que a elaboración e aplicación desta ordenanza
municipal pode resultar beneficiosa para os veciños, tanto os que traballen como
os que non traballen as súas terras asiduamente, ao protexer a rede viaria
pública fronte a hipotéticos desperfectos; para as empresas do sector agrario e
forestal, por ofrecer un marco regulatorio que garanta a obxectividade na
valoración dos hipotéticos danos e protexelas fronte a acusacións infundadas; e
para o propio Concello, por asegurar unha fórmula para reparar os danos, cando
estes se produzan.