sábado, 30 de noviembre de 2013

O PP de Ordes propón dedicar o Plan de Obras e Servizos 2014 a corrixir as carencias da rede viaria municipal



·     O Concello recibirá máis de 400.000€ da Deputación, cifra que desautoriza as recentes críticas vertidas desde o Goberno local

·     Os populares de Ordes interpretan a negativa do equipo de Goberno local a impulsar unha ordenanza sobre o uso e mantemento das vías públicas municipais como unha evidencia do seu desinterese polo medio rural ordense

Ordes, 30 de novembro de 2014.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes proporá destinar os máis de 400.000 euros que a Deputación da Coruña destinará a este Concello no Plan de Obras e Servizos (POS) de 2014 a corrixir as notables carencias que presenta a rede viaria municipal.

Os populares de Ores elaboraron xa unha proposta que inclúe a realización de obras de mellora nas pistas e estradas de todas as parroquias do Concello, priorizando os viais e tramos que presentan un peor estado de conservación.

Os 401.000 euros que o Concello de Ordes recibirá da Deputación da Coruña en 2014 para financiar o Plan de obras e Servizos revelan, en opinión do portavoz popular, José Luis Martínez Sanjurjo, a obxectividade da Administración provincial no reparto das axudas públicas, ao tempo que desautorizan as recentes críticas vertidas desde o Goberno local contra esta entidade. “Lamentablemente, en Ordes xa estamos habituados á política de balóns fóra do Concello; escoitándoos semella que nunca teñen a culpa de nada e os seus fracasos son sempre responsabilidade dos demais”, argumenta Martínez Sanjurjo.

PROPOSTA DE INVESTIMENTO DO POS 2014 EN ORDES

PARROQUIA DE ARDEMIL:
-      Tramo de pista de acceso á Hedra dende o campo de fútbol dos veteráns.
-      Pista dende a N-550, pasando pola Reboira cara a canteira.
-      Pistas de acceso ás Raposeiras.
-      Pista de acceso a O Seixo dende o entronque cara Buscás.

PARROQUIA DE BARBEIROS:
-      Pista de O Cruceiro a Fondo da Aldea.
-      Pista de acceso a Coruxo por O Loureiro.
-      Pista de acceso a Os Vieites.

PARROQUIA DE BEÁN:
-      Aglomerar o tramo de pista pendente entre o Concello de Oroso despois da Aldea de Abaixo e Puzos.
-   Arranxar o tramo de pista que quedou pendente contra o Concello de Oroso (Recouso-Marzoa) dende o cruce cara a Cercedo.
-      Tramo pendente de Fonte da Viña a Nouche.

PARROQUIA DE BUSCÁS:
-      Arranxar pistas secundarias no Pumariño, A Bouciña e Os Lameiros.
-      Pista de Carballedo.

PARROQUIA DE LEIRA:
-      Reparar a pista que enlaza Meitufe de Arriba ata ao cruce do Castro coa Pedreira.

PARROQUIA DE LESTA:
-      Pista de Os Ameneiros ata O Pazo.
-      Tramos de ramais en Agromaior.
-      Aglomerado da estrada de Lesta a Pepín.

PARROQUIA DE MERCURÍN:
-      Arranxar a pista de acceso ás casas da Poza.
-      Limpeza de cunetas e rego asfáltico en Mañufe, Zampaño, O Piñeiro e Pepín.
-      Acceso a vivendas en O Piñeiro e Pedre.

PARROQUIA DE MONTAOS:
-      Pista en Queis do Quinteiro a Porta dos Condes.
-      Pista en Queis do Quinteiro a O Piñeiro.
-      Pista da Escola de Santa Cruz a Chan.
-      Tramo de pista a partir da farmacia cara A Sobreira.

PARROQUIA DE ORDES:
-    Pista desde O Bidueiro á AC-413, especialmente o tramo que discorre antes e despois do desvío de Darefe.
-     Tramo de acceso a vivenda unifamiliar no camiño que vai de Lavandeira a Ceidón-Bosteiros.
-      Pista de O Regueiro a Espenica de Arriba.
-      Pista que comunica A Fraga-As Casillas co Balado.
-      Beirarúas na rúa de Campeiras e travesía de Campeiras.

PARROQUIA DE PARADA:
-      Pista que enlaza Castenda co límite de Ordes e Tordoia (Villartarreo).
-      Tramos que comunican as casas do lugar de Cestaños.
-      Pista desde O Piñón cara o leste.

PARROQUIA DE PEREIRA:
-      Pista desde a estrada N-550 ata o igrexario
-      Pista principal a Aldea de Abaixo.
-      Camiño que comunica a Aldea de Abaixo coa Rúa.

PARROQUIA DE POULO:
-      Pista que comunica os núcleos de Lavandeira cara A Senra.
-      Pista que comunica A Senra con O Outeiro.

PARROQUIA DE VILAMAIOR:
-      Pista de As Corredoiras, en especial o tramo de acceso ás vivendas.
-      Tramo da pista entre Adrán cara a Casa do Monte.
-      Pista en Melris, dende Os Marchás ata a procedente de Roel.

Estado de abandono

As pistas e estradas do Concello de Ordes acusan o paso do tempo e presentan un estado de manifesto abandono en moitos tramos, logo de seis anos sen atención por parte do Goberno local, que preferiu destinar  inxentes sumas de recursos públicos a actuacións moito menos necesarias, como a ampliación da Alameda ou a construción dun novo consistorio.

Como exemplos da desidia do Concello de Ordes respecto ao medio rural, o Partido Popular apunta a negativa do Goberno local a apoiar, no Pleno do pasado xoves, unha moción na que o PP propuxo a elaboración dunha ordenanza reguladora do uso e mantemento das vías públicas de titularidade municipal. “Regos sempre lle deu as costas aos veciños do medio rural e esta decisión volveu demostrar a súa deixadez respecto ás aldeas das parroquias”, agrega o portavoz municipal do PP de Ordes.