domingo, 3 de noviembre de 2013

O alcalde de Ordes trata de boicotear as bonificacións do IBI comprometidas ante o Pleno



·     A Alcaldía trasladou á Comisión de Contas e Facenda unha proposta repleta de trabas e encamiñada a que só unha de cada dez explotacións agropecuarias se poda acoller ás bonificacións do 95% do IBI

·     No pleno ordinario do pasado xoves anunciou a súa particular negativa a que dita bonificación poida ser efectiva

·     O alcalde tamén trata de minorar as propostas de bonificacións no IBI para familias numerosas e non recolle a solicitada para persoas con discapacidade


Ordes, 2 de novembro de 2013.- A proposta da Alcaldía de Ordes encamiñada a regular a ordenanza fiscal para a bonificación do IBI presentada o pasado 25 de outubro na Comisión de Contas e Facenda, logo de que o Pleno ordinario de setembro acordase impulsar esa bonificación por unanimidade, trata de boicotear o acordo inicial e unánime da Corporación na medida en que está repleto de trabas para evitar que boa parte dos potenciais beneficiarios poidan acollerse a esta rebaixa fiscal.

O Partido Popular de Ordes denuncia que na Comisión informativa de Contas e Facenda, o grupo político de Goberno local (UXO) non presentou proposta algunha para minimizar a subida do IBI, mentres que o informe da Alcaldía, en lugar de aportar solucións satisfactorias, complica aínda máis a situación, con esixencias burocráticas de difícil ou imposible cumprimento para os potenciais solicitantes.

O alcalde pretende excluír o 90% dos solicitantes

De aplicarse definitivamente a proposta inicial do alcalde, estímase que só unha de cada dez explotacións agropecuarias se poderían acoller á bonificación do 95% do IBI no valor das construcións agrarias, mentres que todas as restantes pasarían a ter unha carga fiscal inasumible nun prazo máximo de dez anos.

Pero, o verdadeiramente certo é que o goberno local busca non aplicar bonificación algunha as construcións propias das explotacións agrarias, como quedou de manifesto no anuncio feito polo propio Regos nunha intervención no pleno ordinario do pasado xoves.

O Partido Popular cuestiona tamén a falta de criterio dos concelleiros do PSOE e de CidG, que no Pleno de xuño apoiaron a subida do IBI a aplicar a nova ponencia de valores, proposta polo equipo de Goberno para o ano 2014; e agora, a sabendas de que dita subida xa é irreversible para dito exercicio, propuxeron conxelar ou rebaixar o tipo de gravame fixado nun 0,60%.

A subida do IBI impulsada polo alcalde de Ordes para facer fronte á débeda millonaria acumulada polo Concello durante estes seis últimos anos de mandato fará que nos próximos dez anos os recibos do IBI suban unha media do 53% como consecuencia da aplicación da nova ponencia de valores; todo iso a maiores de ter incrementado o tipo de gravame dun 0,40%, o aplicado no ano 2006, ata o 0,6171% do presente ano 2013.

As trabas da Alcaldía afectan tamén á proposta do Grupo Popular para establecer bonificacións do IBI para as vivendas de familias numerosas ou das que sexan titulares persoas con discapacidade; e en ningún caso contemplan bonificar as vivendas do rural que carecen de servizos axeitados (accesos, abastecemento, saneamento, ...)