miércoles, 30 de octubre de 2013

O PP de Ordes reclamará no Pleno a revisión e reparación de toda a sinalización horizontal da vila





·     O portavoz municipal do PP recorda que a maior parte dos pasos de peóns están despintados e que, coa chegada do mal tempo redúcese a visibilidade, cos conseguintes riscos para peóns e condutores

·     Tamén reclamará unha solución para os asolagamentos que se producen en Merelle cada vez que chove con intensidade

·     Outro rogo irá dirixido a que se arranxen os múltiples desperfectos que presentan o firme e as baldosas das beirarúas da localidade

Ordes, 30 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes reclamará no Pleno ordinario deste xoves que o Concello revise e repare todos os pasos de peóns da vila, que logo de varios anos sen mantemento algún presentan un estado de conservación lamentable.

José Luis Martínez, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes recorda que o desgaste que presenta a sinalización horizontal tradúcese en falta de visibilidade, cos conseguintes riscos para peóns e condutores, riscos que se  incrementan considerablemente no outono e no inverno, pola chuvia e a ausencia de luz.

Asolagamentos en Merelle


No Pleno deste xoves, o Partido Popular presentará outro rogo para que o Concello ofreza unha solución definitiva aos reiterados asolagamentos que se rexistran no lugar de Merelle. As enchentes procedentes do polígono empresarial e da estrada N-550 inundan predios e baixos de vivendas cada vez que se rexistran chuvias de consideración. Os veciños quéixanse de que as obras acometidas polo Concello non resolveron un problema que se repite desde hai varios anos.


Firme e baldosas das beirarúas en mal estado

Outro dos rogos a formular, irá encamiñado a denunciar e reclamar unha solución para o mal estado do firme e das baldosas das beirarúas da vila de Ordes, en moitos casos desprendidas, rotas ou inexistentes. A situación vólvese máis  perigosa coas choivas, posto que estes puntos se transforman en pozas, nas que os viandantes  corren serio risco de sufrir esvaróns ou caídas.
 
Trasladarán tamén os populares ao Pleno corporativo un rogo reiterando a solicitude, xa formulada tres meses atrás, para eliminar un vertedoiro de residuos detectado ao carón da pista denominada “cara a Ponte de Raña”, preto de Fosado, na parroquia de Montaos.



Outros Rogos:

·     Que o Concello dea a coñecer o custe final das festas patronais de Ordes, celebradas entre o 14 e o 17 de agosto pasado, solicitando que se especifique a achega municipal e o importe das doazóns recadadas.
·     Corrixir as deficiencias detectadas nos labores de desbrozamento de algúns tramos das pistas de concentración parcelaria.
·     Arranxar os desperfectos que presenta o firme da pista que enlaza a estrada N-550 con Pereira á altura do lugar de O Curro.
·     Dotar de alumeado público a vía de titularidade municipal que comunica o núcleo de O Ceidón coa estrada que une Ordes con Ponte Carreira.
·     Reparar a marquesiña situada ao carón da estrada N-550 e preto da rotonda de acceso ao Polígono, en dirección a O Conde.
·     Informar sobre as tarifas que se están a aplicar aos veciños pola actuación dos bombeiros do parque comarcal, dadas as queixas dos veciños que requiriron a intervención deste servizo por incendios en vivendas ou alpendres.
·     Corrixir as deficiencias detectadas nas beirarrúas de acceso ao CEIP do Mesón do Vento, recentemente executadas, e que, por falta de previsión, presentan pozas no acceso ao centro, o que xera problemas aos nenos.
·     Que se informe sobre as actuacións do radar nun vehículo da DXT empregado pola Policía Local nas pasadas semanas.
·     Se mellore a sinalización do ceda o paso, entre a Rúa Compostela e a Rúa Reconciliación.