miércoles, 2 de octubre de 2013

Os 10.000€ que o Concello de Ordes “tirou” nun concerto sen público e con grupos foráneos terían permitido organizar un bo festival con todos os intérpretes locais



·     Ademais, de manter o formato elixido, podería ter aforrado o 60% dos gastos dos festival rock se solicitara acollerse ás axudas da Deputación

·     Para actuacións de intérpretes profesionais, a Deputación financia o 50% do custe da actuación con arranxo a unhas tarifas prefixadas, pero o Concello preferiu tirar os cartos nunha actividade sen rendibilidade algunha


Ordes, 2 de outubro de 2013.-  O Partido Popular entende que cos 10.000 euros que o Concello de Ordes destinou a un festival de rock celebrado no campo da feira no primeiro fin de semana de setembro, sen asistencia de público e con grupos foráneos, poderíase ter organizado un festival no que actuasen os grupos locais.
Na actualidade, en Ordes existen cinco grupos musicais (Dios ke te crew, Chícharo psicótico, A cona ye-ye, Superoito, N.O.M.) que ensaian e actúan regularmente, e ben merecen a atención do Concello, aínda que tan só sexa un día ao ano.
A diferenza do acontecido no festival do primeiro venres de setembro, no que uns artistas ollaron aos outros, de ter actuado os grupos locais, a asistencia de público estaría asegurada.
Paralelamente, o Partido Popular denuncia que, aínda que se mantivera o formato finalmente elixido, o Concello podería ter aforrado ata o 60% dos cartos de ter solicitado acollerse á programación de intérpretes profesionais da rede cultural da Deputación da Coruña para o ano 2013.
Este programa subvenciona cun 50% o custe da actuación e do equipo, correndo o 50% restante a cargo do concello organizador. É dicir, tendo solicitado esta actuación o Concello aboaría aos intérpretes pouco máis de 4.000 euros, en lugar dos 10.000€ que o alcalde recoñeceu no Pleno do pasado xoves.

“Unha vez máis, o alcalde de Ordes volveu derrochar cartos a manchea, esquecendo que o presuposto municipal é dos veciños, aos que, por outra parte, priva de servizos públicos esenciais por falta dos cartos que derrocha sen sentido”, afirma José Luis Martínez, portavoz municipal do Partido Popular de Ordes. “Non só derrochou 10.000€, senón que o fixo nun festival ao que os veciños deron as costas e se celebrou sen público, cos músicos tocando para as farolas”, agrega Martínez Sanjurjo.