viernes, 27 de septiembre de 2013

O Concello de Ordes concedeu unha axuda de 10.000€ para un festival sen público mentres apraza o arranxo dos pasos de peóns por falta de cartos




·     No Pleno de onte, e respondendo a unha pregunta do PP, o alcalde recoñeceu a concesión da axuda, xestionada polo PSOE como parte do apoio aos orzamentos 2013, ao tempo que o Concello segue “sableando” aos veciños coa subida do  IBI

·     O Pleno admite o texto da moción do PP para aplicar bonificacións e exencións no IBI, propostas que o PP tratará de axilizar en comisión informativa para que sexan aprobadas no vindeiro pleno ordinario de outubro


Ordes, 27 de setembro de 2013.- O Concello de Ordes concedeu unha axuda de 10.000 euros para a celebración dun festival rock no campo da feira da vila o primeiro venres de setembro e sen que se rexistrase afluencia algunha de público. O alcalde recoñeceu a concesión desta axuda no Pleno de onte ao responder a unha pregunta formulada polo Grupo Municipal do PP.

José Luis Martínez, portavoz municipal do PP, recorda que esta axuda forma parte dos compromisos adquiridos polo alcalde co único concelleiro do PSOE local para acadar o seu apoio nos orzamentos 2013. “¿É deste xeito como pretenden UXO e o PSOE axudar aos veciños de Ordes, tirando cartos en iniciativas que ninguén demanda, mentres o Concello sablea aos veciños coa subida do IBI e se desentende das súas verdadeiras obrigas?”, pregunta Martínez Sanjurjo.

Non hai cartos para arranxar os pasos de peóns

Este novo episodio de derroche dos cartos públicos contrasta coa deixadez do Concello respecto a equipamentos que necesitan unha urxente reparación, como sucede coa maior parte dos pasos de peóns da vila, que necesitan dunha revisión e repintado antes do inverno, dado o seu mal estado de conservación. Mentres o Concello destinou 10.000 euros a un festival sen público, tamén no Pleno de onte, o equipo de Goberno rexeitou unha proposta do PP para arranxar de inmediato os pasos de peóns argumentando que carece de recursos e que esta actuación deberá ser aprazada para máis adiante.

Bonificacións e exencións do IBI

O PP de Ordes adianta que urxirá a aplicación das bonificacións e exencións do IBI para o exercicio 2014, que onte defendeu a través dunha moción que resultou aceptada no Pleno e que agora deberá pasar por comisión informativa antes da aprobación definitiva da reforma fiscal na vindeira sesión plenaria do mes de outubro.

A moción do PP promove a modificación da ordenanza fiscal de cara a reducir o importe dos recibos do IBI no 2014 e exercicios seguintes, para tódalas edificacións de explotacións agrarias, das vivendas propiedade de discapacitados e de familias numerosas; así como a exención para os bens propios das entidades sen ánimo de lucro. Sen contar coas notificacións erróneas do ano 2013 enviadas en datas recentes, a recente ponencia de valores e o tipo de gravame aprobado por UXO e PSOE no pleno do pasado mes de xuño, fará que o IBI medre un 53% de media en 10 anos. E a moción do PP busca minimizar o impacto da suba, dentro da normativa legal vixente.