·
José Luis Martínez acusa a Regos de tratar de enganar aos
veciños en relación co verdadeiro estado do edificio, e con cal será a data
definitiva do seu remate
·
“Ata o de agora, as obras só serviron para gastar cartos
públicos e dar emprego aos obreiros portugueses que traballaron nela”, afirma o
voceiro do PP local
Ordes, 6 de setembro de 2013.- O partido
Popular denuncia que a pesar dos centos de miles de euros gastados nas obras da
vella Casa Consistorial de Ordes, os traballos limitáronse a converter o
edificio nun custoso decorado, “aparentemente rematado por fóra pero
completamente inservible no seu interior”, dado que a estructura aínda dista
moito de poder ser utilizada.
O
Concello de Ordes apurou o remate de dúas das fachadas do edificio –as
orientadas cara a Alameda e cara a Avenida de Alfonso Senra- para telas rematadas
durante as festas patronais de agosto e tratar de aparentar unha normalidade
que dista de ser real.
Engano e covardía política
“Unha
vez máis, Regos volveu dar exemplo de cal é o seu valor na política local, ao
tratar de enganar a veciños e visitantes en relación co verdadeiro estado da
antiga Casa Consistorial, na que leva gastado inxentes cifras económicas, sen
que tal derroche vaia supoñer vantaxe algunha a curto e medio prazo para os
sufridos contribuíntes de Ordes, posto que non existe unha firme previsión do
remate final das obras”, afirma José Luis Martínez, portavoz municipal do
Partido Popular.
De
feito, as fiestras do edificio foron cubertas con cristais translúcidos, para
impedir que os veciños contemplen o interior da estructura, baleira e
totalmente inservible para calquera uso a día de hoxe. O PP adianta que
acondicionar o interior do edificio para futuros usos implica un investimento
millonario para o que o Concello carece de recursos.
“Nun
momento no que os veciños volven sufrir nos seus petos a brutal subida do IBI
imposta unilateralmente por Regos co apoio cómplice do PSOE, e que implicará un
ascenso medio en torno ao 53% en 10 anos, sería desexable que o alcalde dea a
cara e lles explique aos veciños por qué derrochou semellante volume de cartos
nunha obra que, ata o de agora, só serviu para dar emprego aos operarios
portugueses que traballaron nela”, agrega José Luis Martínez.