miércoles, 28 de agosto de 2013

Dous postes corren risco de caída en Ordes desde hai unha semana, mentres o Concello non sequera revisa os danos



·      O PP local séguese facendo eco das necesidades dos veciños ante a desidia do Goberno local

·      José Luis Martínez: “O día a día do Concello de Ordes é puro teatro, ata o punto de que converteron a vella casa consistorial nun enorme e carísimo decorado: ben pintado por fora, pero inservible e cheo de escombro por dentro”



Ordes, 28 de agosto de 2013.- Mais de unha semana despois de se ter rexistrado un accidente no Lugar de O Cruceiro en Barbeiros (Ordes), no que a colisión dun vehículo provocou danos estruturais en dous postes do tendido eléctrico, que supoñen un perigo para automobilistas e viandantes, o Concello de Ordes continúa facendo caso omiso da situación e nin sequera se personou no lugar dos feitos.

O Partido Popular de Ordes faise eco, unha vez máis, das denuncias dos veciños que tamén neste caso, volven queixarse da deixadez do Goberno local, malia o perigo real destes dous postes.





Ante esta situación de crecente desidia municipal, o Partido Popular de Ordes insta ao alcalde a que tome cartas no asunto con carácter inmediato de maneira que o Concello valore o risco xerado neste punto da rede viaria municipal, precinte os postes en caso necesario, sinalice o perigo e xestione a inmediata subsanación do problema.





Feitos frecuentes en todo o municipio


José Luis Martínez, portavoz municipal do PP de Ordes, lamenta que o acontecido en Barbeiros sexa só unha réplica do que con excesiva frecuencia sucede en calquera punto do termo municipal, no que as incidencias se amorean ante a deixadez do Concello.
“Vendo o que sucede a cotío -afirma Martínez Sanjurjo-, acredítase que Ordes ten un alcalde que só se dedica a figurar, en lugar de atender ás necesidades e os problemas cotiás dos veciños. O día a día do Goberno local é puro teatro, ata o punto de que converteron a vella casa consistorial nun enorme e carísimo decorado: ben pintado por fora, pero inservible e cheo de escombros por dentro”.