viernes, 9 de agosto de 2013

O PP de Ordes urxe a revisión e o repintado dos pasos de peóns da vila




·     Defenderá unha moción no vindeiro Pleno para instar ao Concello a revisar a sinalización horizontal e vertical dos pasos de peóns, que nalgúns casos custa visualizar correctamente

·     “Mágoa que o interese que o alcalde puxo en subir o IBI non se traduza nun esforzo similar para atender os problemas dos veciños”, afirma José Luis Martínez


Ordes, 9 de agosto de 2013.- O Partido Popular de Ordes, facéndose eco das queixas plantexadas por varios veciños de diferentes rúas da vila, defenderá no próximo Pleno municipal, unha moción para instar ao Concello a revisar a sinalización horizontal e vertical de todos os pasos de peóns da vila, dado o deficiente estado que presentan e que nalgúns casos se traduce en dificultades de visualización para condutores e viandantes.

O portavoz municipal do PP de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, enmarca as deficiencias que presentan os pasos de peóns da vila no desinterese do Goberno local respecto aos equipamentos públicos, dado que tanto o repintado dos pasos de peóns como a revisión e reposición da sinalización vertical implican custes perfectamente asumibles para as arcas municipais. Cando se trata de vías das que son titulares outras administracións, abondaría cunha notificación escrita.

Un alcalde que non se entera ou non quere enterarse

“Lamentablemente, o equipo de Goberno de Ordes, comezando polo alcalde, leva todo o mandato nos despachos escapando da realidade, de costas aos veciños e ás súas verdadeiras necesidades, polo que non nos sorprende que non se enteren ou non queiran enterarse do que pasa. É unha mágoa que o interese que o alcalde e o seu  equipo puxeron en subir a recadación do IBI para os vindeiros 10 anos, e con atrasos incluídos nas revisións efectuadas no ano 2012, non se traduza nun esforzo similar á hora de atender os problemas e necesidades dos contribuíntes”, afirma José Luis Martínez.