lunes, 9 de septiembre de 2013

O PP de Ordes recorda que a nova subida do IBI, un 53% en 10 anos, foi impulsada en exclusiva polo grupo de alcalde

·        O alcalde engana aos veciños para ocultar a súa responsabilidade, xa que a Deputación se limita a recadar un imposto exclusivamente municipal, a un tipo de gravame aprobado polo Pleno
·        O alcalde de Ordes xerou unha débeda de máis de 9 millóns de euros a pesar de ter duplicado a recadación, mentres os resultados non se ven por ningures
·        Resultado do CATASTRAZO para un ben inmoble de 50.000 euros de valor: IBI no 2006 de 200 euros, no 2013 de 308,55 euros (+54,27%), e no 2022 de 472 euros (+136%)
 
Ordes, 9 de setembro de 2013.- O alcalde de Ordes continúa enganando aos veciños, ao ocultarlles que a brutal subida do IBI -que roldará o 53% en 10 anos- foi decidida unilateralmente polo pleno do Concello, cos votos a favor de UXO e o PSOE.
Por iso, o PP de Ordes esixe ao alcalde que deixe de enganar aos contribuíntes que dende fai dúas semanas multiplican as súas queixas no Concello, onde o rexedor, tratando de ocultar a súa responsabilidade exclusiva, trata de culpar da subida a outras administracións.
Neste sentido, o PP de Ordes aclara tamén que a Deputación da Coruña non ten responsabilidade algunha nesta subida, xa que o IBI é un imposto exclusivamente municipal no que a administración provincial se limita a recadar os importes acordados polo pleno corporativo. O gravame a aplicar en 2014 (e que se traslada xa as comunicacións que os veciños están comezando a recibir estes días) foi aprobado no pleno de xuño cos votos a favor de UXO e PSOE. Publicado no BOP nº 162, do 27 de agosto de 2013.
 
Quebranto para as economías domésticas
O Partido Popular volverá reclamar no vindeiro Pleno que o alcalde explique por qué decidiu solicitar a revisión de valores catastrais a finais de 2011, nun momento de intensa crise económica, e a sabendas de que a subida do IBI ía provocar un notable quebranto sobre as economías domésticas. 
A revisión dos valores catastrais, unida á subida do gravame aplicable a cada unha das propiedades ten como consecuencia unha notable subida no recibo da contribución que deben aboar todas as persoas que posúan algunha propiedade (ben inmoble) no Concello de Ordes.
No seguinte cadro, exprésanse os gravames que se aplicaban no ano 2006 antes da chegada de Regos á Alcaldía, no presente ano 2013, e no vindeiro ano 2014, no que comezan a aplicarse os novos valores catastrais, resultado da valoración colectiva nos bens do noso Concello impulsada por UXO.
Tipo/gravame
2006
2013
2014 (ponencia)
Urbana
0,40%
0.6171%
0,60%
Exemplo
A modo de exemplo, mentres que un ben inmoble (casa, piso, nave, solar, garaxe, almacén, ...) cun valor catastral de 50.000 euros pagou en 2006 un total de 200 euros de IBI aplicando o gravame de entón do 0,40%, no presente exercicio 2013 (logo de mais de 6 anos de Regos como alcalde) ese imposto terá medrado en 108,55 €, un 54,27%, resultado de aplicar o gravame do 0,6171%, e que dará como resultado un recibo de 308,55 euros.
De  cara ao futuro inmediato, logo da subida de base liquidable derivada da nova valoración colectiva, e do tipo de gravame aprobado polo goberno local no pleno de xuño co apoio do PSOE, para o ano 2022, esa mesma vivenda tributará en torno a 472 euros; un 236% do ingresado en 2006.
Máis de 9 millóns de débeda duplicando os impostos
Recorda o Partido Popular que Regos xerou unha débeda superior aos 9 millóns de euros, sen incluír xuros, o que supón unha pesada hipoteca que todos os veciños deberán seguir pagando ata o ano 2022. E, mentres, duplicou amplamente a recadación de impostos en pouco mais de 6 anos.
“Á vista de que o Concello de Ordes provocou un burato de máis de 9 millóns de euros ao tempo que duplicou o importe dos impostos recadados, resulta imposible entender o pésimo estado de todos os servizos e equipamentos de titularidade municipal”, afirma o portavoz municipal do PP, José Luis Martínez. “¿Qué manobras fixo o alcalde con tantos cartos?”, insiste en preguntar o voceiro popular.
 
Consulta aquí o bop: BOP IBI