domingo, 22 de septiembre de 2013

O PP de Ordes trasladará ao Pleno unha proposta para reducir o IBI a explotacións agrarias, discapacitados, familias numerosas e entidades sen ánimo de lucro



·     Con esta proposta, o PP trata de frear a subida “brutal” que o Goberno de Regos aplica unilateralmente que se traducirá nun incremento global medio do 53% en 10 anos, período 2014-2023.

·     Insiste en reclamar que o alcalde deixe de enganar aos veciños, e recoñeza que a petición da revisión e posterior subida da contribución é unha competencia municipal, que foi impulsada por UXO a finais de 2011


Ordes, 21 de setembro de 2013.- O Partido Popular de Ordes proporá no vindeiro Pleno unha reforma na ordenanza fiscal de bens inmobles –acorde co vixente marco lexislativo- que permita reducir o importe dos recibos do IBI que se aplica ás edificacións de explotacións agrarias, ás vivendas propiedade de discapacitados, ás vivendas de familias numerosas; así como a exención para os bens propios das entidades sen ánimo de lucro. Con esta proposta o PP trata de minimizar con bonificacións e exencións o importe da “brutal” subida da “contribución” aprobada polo Goberno local e que se traducirá nun incremento global medio do 53% en 10 anos.

A proposta que o Partido Popular de Ordes defenderá no Pleno, e para a que agarda contar co respaldo dos restantes grupos da oposición, consistiría en modificar a ordenanza fiscal nº 1, reguladora do imposto sobre bens inmobles coa inclusión de unha reducción do 95% da base liquidable para as edificacións propias das explotacións agrícolas e gandeiras do municipio que presenten o código de uso AGRARIO, como cortes, pendellos, almacéns de maquinaria, hórreos, silos cubertos, etc; sempre que se atopen nunha situación urbanística regularizada.

Quedarían exentas desta bonificación as edificacións de uso residencial ou vinculadas ao mesmo.

A moción do Partido Popular propón tamén o establecemento de tramos de bonificacións do IBI para as vivendas habituais das que sexa titular catastral unha persoa con discapacidade en grado igual ou superior ao 33%. A tal efecto, proponse que a deducción a aplicar sexa proporcional ao grao de discapacidade recoñecida e que se aplique a só unha vivenda por persoa con discapacidade. No suposto de convivir dúas persoas con discapacidade empadroadas nun mesmo domicilio, a bonificación poderá alcanzar o máximo dun 95%.

No derradeiro apartado de bonificacións, tamén defenderá o partido popular na súa moción a iniciativa de modificar o actual texto da ordenanza fiscal nº 1, para establecer novos tramos de deducción en función do valor catastral do ben inmoble –vivenda habitual- de uso residencial titularidade de suxeitos pasivos empadroados no Concello de Ordes que ostenten a condición de cabeza de familia numerosa.

O Partido Popular tamén proporá que se aplique a exención permitida pola lei para os locais (bens inmobles) dos que sexan titulares asociacións veciñais, culturais, deportivas ou calquera outra que nos seus estatutos recollan como finalidade o desenvolvemento de actividades "sen ánimo de lucro".

Que Regos deixe de enganar aos veciños

Con todo, o Partido Popular de Ordes insiste en reclamar que o alcalde deixe de enganar aos veciños que estes días se achegan ás oficinas municipais para protestar polo importe dos recibos da “contribución”, dado que a revisión dos valores catrastais e a subida do IBI é unha competencia exclusivamente municipal, que foi impulsada por UXO, como acreditan as actas dos plenos.

Do mesmo xeito, o Partido Popular reitera que os veciños que estes días recibiran liquidacións do IBI 2013 con subidas excesivamente elevadas (moi superiores ao 10% respecto aos do ano anterior 2012) deben comprobar os datos –referencia catastral- no Concello antes de efectuar o pagamento, xa que os recibos erróneos foron anulados e serán enviados de novo, xa cos datos correctos, en datas próximas.